O delegado do goberno español en Galiza, Antón Louro desvincula os sucesos da comarca de Vigo do conflito do metal, atribuíndoos a "grupos minoritarios".
Beatriz Mato
A conselleira de Traballo e Benestar da Xunta, Beatriz Mato relacionou os incidentes producidos este mércores na comarca de Vigo con "golpes de efecto" que son "propios da Kale Borroka". Mato dixo que non lle gustaría que se estivera "batasunizando" a negociación colectiva do sector do Metal da provincia de Pontevedra. Fixo estas declaracións antes de entrar a unha reunión que mantivo cos membros do equipo de Goberno da Confederación Empresarial de Ourense.
A conselleira pediu que "se eviten este tipo de incidentes que ninguén pode tolerar" pero deixou claro que non quería "vinculalos directamente unha negociación no conflito" do metal. Aínda así, lembrou que os traballadores "teñen dereito a defender o seu traballo" pero "o que non pode ser é que isto atente contra o benestar da cidadanía e que atente contra as persoas que queren traballar".
Louro desvincula os sucesos do conflito do metal
O delegado do goberno español no país, Antón Louro, dixo que os ataques corresponden a condutas de "grupos ultraminoritarios" que "operan de cando en vez" en Galiza, sen referirse a ningún en concreto. Louro condenou "enerxicamente" os incidentes e dixo que "quen delinque pagará de acordo coa lei". Tamén manifestou a súa confianza no carácter democrático dos grupos que están participando na negociación do convenio colectivo para o sector do metal pontevedrés.