A nacionalista Carme Adán criticou o escaso rigor da campaña do Goberno e o feito de que desatenda os problemas reais dos centros escolares.
A consulta que está a desenvolver Educación sobre a lingua nos centros do ensino podería custar 300 mil euros. Segundo explicou a parlamentaria Carme Adán, esa enquisa non é "rigorosa" e asegurou que co seu custo poderíanse, por exemplo, asumir o custo dos arranxos en comedores de Vigo. Tamén criticou que a Xunta non dese aínda datos sobre ese "gasto real".
A deputada nacionalista tamén lamentou que se rompese o "consenso sobre a política lingüística" que existía dende 1993 e que pretendía continuar o anterior goberno co decreto do galego no ensino. Adán dixo "non entender por que se leva a cabo esta consulta" que nin é "científica nin rigorosa" e que chega xusto ao final do curso.
Segundo a parlamentaria, mentres as asociacións de nais e pais falan "dos temas importantes", como o comedor ou o transporte escolar "o PP non amosa nin a máis mínima sensibilidade". Tamén amosou a súa preocupación por como van ser custodiadas as enquisas, responsabilidade que recae sobre o profesorado.