As crías crecerán nun niño artificial até que poidan voar e recoñezan o medio galego como propio.
O Goberno da Comunidade Autónoma española de Castela-A Mancha entregoulle ao Grupo de Recuperación de Fauna Autóctona (GREFA) catro polos de aguia real para seren reintroducidos no medio natural galego, en base á colaboración que mantén coa Xunta con este fin no Parque Natural do Xures.
O acto de cesión das crías, nacidas en catividade no Centro de Estudos de Rapaces Ibéricas (CERI) de Sevilleja de la Jara (Toledo) este ano, desenvolveuse no propio CERI e estivo presidido polo delegado provincial de Industria, Enerxía e Medio Ambiente de la Junta, Tomás Villarrubia.
Método do hacking
Unha vez trasladados ao noso país, os polos ceibaranse mediante o método do hacking. Isto é, a súa introdución nun niño artificial cando aínda son incapaces de voar e cunha idade inferior aos 60 días, e a súa posterior liberación cando sexan capaces de voar e desenvolvérense por si mesmos.
Logo dos primeiros voos exploratorios nos arredores do niño, os animais iniciarán un período de dispersión que os levará a se desprazaren por centos de quilómetros, podendo mesmo chegar outra vez á provincia de Toledo, xa que é unha das áreas de dispersión de rapaces máis importantes da Península Ibérica.
Este é un período complicado para as novas aguias, que sofren unha elevada mortalidade debido á electrocución, o uso ilegal de veleno ou a persecución. Logo de tres ou catro anos, as aguias superviventes regresarán perto de onde naceron onde procurarán dunha parella e permanecerán sedentarias rexentado un territorio.
Todos os polos liberados levan dispositivos de radio seguimento que posibilitan coñecer estes desprazamentos, a súa evolución e detectar posíbeis problemas.
Non máis de dez parellas reprodutoras
"Estímase que na nosa rexión existen unhas 250 parellas reprodutoras e a súa tendencia recente é estábel, polo que non son necesarios os reforzos poboacionais con exemplares procedentes da cría en catividade", argumentou o delegado provincial da Junta de Castela-A Mancha.
Porén, "en Galiza a poboación de aguia real é moi escasa e atópase en grave perigo de desaparición, e circunscríbese unicamente á provincia de Ourense sen superar as 10 parellas reprodutoras". Por este motivo, engadiu Villarrubia, "púxose en marcha un plan para reintroducir esta especie en varios puntos onde desapareceu e posibilitar a recolonización destes territorios".