Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ALASKA, VINTE ANOS DESPOIS

Sentenza do Exxon Valdez: a petroleira terá que pagar 507 millóns de dólares

Logo de dúas décadas de litixio, o grupo pagará polos danos e prexuízos a pescadores, empresarios e nativos de Alaska afectados polos verquidos.

Redacción - 12:20 16/06/2009
Exxon Mobil é a maior empresa petroleira do mundo

Exxon Mobil é a maior empresa petroleira do mundo

Exxon Mobil, a maior empresa petroleira do mundo, foi definitivamente condenada por un tribunal federal de apelacións de Estados Unidos a pagar 507,5 millóns de dólares en danos e prexuízos a mariñeiros, empresarios e nativos de Alaska, afectados polo verquido do buque Exxon Valdez en 1989. Confírmase así unha sentenza da Corte Suprema do ano pasado, e engádese o pago de intereses aos demandantes por valor do 5,9% da cantidade inicialmente concedida nun xuízo de 1996.

Un litixio de vinte anos
A petroleira fora condenada á altura de 1996 a pagar cinco mil millóns de dólares en concepto de danos e prexuízos aos afectados pola catástrofe ecolóxica, mais esa suma foise reducindo logo de repetidas apelacións xudiciais. Aquela indemnización minguou até a metade por un Tribunal Federal, e finalmente até apenas pouco máis de 500 millóns pola Corte Suprema.

Ademais, ao longo de 20 anos de batallas xudiciais, seis milleiros dos demandantes orixinais (dun total de 22 mil) morreron, o que puxo aínda as cousas máis doadas para Exxon Mobil. Cun amplo abano de avogados conseguiron que o caso permanecese nos tribunais durante anos, mentres os damnificados ían esgotándose ou, simplemente, desaparecendo.

Desastre ecolóxico
Acontecera un 24 de marzo de 1989. O petroleiro Exxon Valdez encallou na baía Prince William Sound de Alaska, derramando 37 mil toneladas de hidrocarburo nas augas e provocando unha traxedia ambiental que aínda se está a estudar.

O verquido estendeuse 1.900 quilómetros, dende o lugar do accidente, e cubriu 5.150 quilómetros de costa e unha área de 25.900 quilómetros cadrados en total. A vida mariña quedou devastada; medio millón de paxaros mariños morreron, ademais de cinco milleiros de londras, 300 focas de Grenlandia e millóns de salmóns e peixes novos. Só a limpeza da costa tivo un custe de 2,5 millóns de dólares.

En 1993, a industria pesqueira da zona estaba totalmente en creba. As familias perderon o seu sustento logo de perder grandes préstamos para a compra de barcos e de permisos de pesca. Foi o vertido máis grave na historia, no que estaban implicados os EUA, e provocou un cambio na lexislación ambiental que deu lugar á Oil Pollution Act de 1990.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O verquido ocasionou a creba das empresas adicadas a pesca naquela costa
O verquido ocasionou a creba das empresas adicadas a pesca naquela costa
O verquido estendeuse 1.900 quilómetros dende o lugar do accidente e cubriu  5.150 quilómetros de costa
O verquido estendeuse 1.900 quilómetros dende o lugar do accidente e cubriu 5.150 quilómetros de costa
Limpando o vertido do Exxon Valdez, en 1989 / Flickr: jimbrickett
Limpando o vertido do Exxon Valdez, en 1989 / Flickr: jimbrickett