Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A natureza víngase de Monsanto

Atopan probas da hibridación entre o soia transxénica e outras especies vexetais

Até o de agora supúñase, mais non fora probado. Un estudo feito no Reino Unido dá evidencias palpábeis do principal argumento dos colectivos antitransxénicos.

Redacción - 19:35 14/06/2009
Unha planta de Amaranto

Unha planta de Amaranto

A proba chegou directamente dos EUA, un dos principais produtores de soia transxénica do mundo. En 2004 un agricultor da cidade de Maco, no estado de Georgia, deuse de conta de que as malas herbas que medraran nas súas plantacións de soia estaban a resistir os efectos do herbicida total Roundup. Nas súas terras tiña plantada soia modificada xeneticamente, de tal xeito que as súas sementes recibiran nos laboratorios un xene de resistencia a este herbicida. Así, cando as plantacións eran asperxidas co produto, toda mala herba morría, deixando paso libre ás plantas de soia.

Dende aquela, e segundo contan en Altermonde-sans-frontières, a situación empeorou, e o fenómeno de resistencia ao herbicida das malas herbas -nomeadamente, o amaranto-, foise estendendo a outros estados: Carolina do Sur e do Norte, Arkansas, Tennessee e Missouri. Os primeiros en investigar o fenómeno foron os científicos do Centro británico para a Ecoloxía e a Hidroloxía, (The Centre for Ecology & Hydrology, situado en Winfrith, Dorset), que resolveron que neste caso se produciu unha transferencia de xenes entre a planta modificada xeneticamente e algunhas plantas coñecidas como "malas herbas", como o amaranto.

A creación do "súpergran"
Esta constatación contradi as perentorias afirmacións dos defensores dos organismos modificados xeneticamente (OMX), que seguen a sinalar que unha hibridación entre unha planta modificada xeneticamente e unha planta non modificada é imposíbel. Porén, este estudo vén reforzar un dos principais argumentos das organizacións antitransxénicos, que a "contaminación" entre os OMX e outras plantas pode darse, con todos os riscos que isto conlevaría para a produción agrícola e gandeira.

Segundo o xenetista británico Brian Johnson, citado por esta publicación, "chega cun só cruce entre millóns de posibilidades xa que, unha vez creada, a nova planta posúe unha enorme vantaxe selectiva e multiplícase rapidamente". Alén disto, este científico tamén revelou que, ao empregar un potente herbicida coma neste caso, exércese unha "enorme presión sobre as plantas", e estas van aumentando "aínda máis" a súa "velocidade de adaptación". Deste xeito, e se se cumpren as afirmacións deste grupo de científicos británicos, un xene de resistencia aos herbicidas deu como froito unha planta híbrida, xurdida dun salto entre o gran que se supón protexe e o amaranto, volvéndose imposíbel de eliminar.

A única solución posíbel para que estes agricultores non perdan as súas colleitas sería arrincar a man as malas herbas, coma sempre se fixo. Porén, dadas as grandes dimensións destas plantacións, resulta practicamente imposíbel empregar este método. Segundo informan dende esta web, moitos dos agricultores das zonas afectadas están pensando na posibilidade de renunciar aos OMX.

A natureza víngase de Monsanto
Curioso lles parece en Altermonde-sans-frontières que a planta que está terminando coas plantacións de soia transxénica sexa o amaranto, considerada sagrada para os incas, e produtora dunha media de 12 mil grans ao ano e follas máis ricas en proteínas que a soia.

Tratándoa de "búmerang que a natureza lle devolve a Monsanto", os ecoloxistas afirman que, de persistir este tipo de problemas, á multinacional estadounidense que distribúen a soia e outras sementes transxénicas, non lle quedará máis saída que pechar.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: