O decano do Colexio de Avogados de Pontevedra considera que o decreto "vulnera frontalmente o Estatuto".
"Vulnera frontalmente o Estatuto de Autonomía de Galicia", subliña Eloy Artime, decano do Colexio de Avogados de Pontevedra, ao respecto do decreto da Xunta polo que se crea unha nova división administrativa provincial, co nomeamento dun delegado en Vigo. Artime bota man do artigo 2 do Estatuto para recordar a división estabelecida do país en catro provincias. Deste xeito, na súa opinión, o modelo territorial polo que optou agora o Goberno implica unha modificación estatutaria que só podería facerse "por lei e coas formalidades e solemnidades esixidas para modificar o Estatuto e nunca por un decreto sorpresivo".
Por este motivo, insiste o decano dos avogados pontevedreses en que o decreto da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través do cal se creou a devandita delegación territorial viguesa "é nulo". Nese sentido, chamou a que "non sexan os políticos os que, facendo gala dunha asombrosa torpeza, leven os cidadáns a un enfrontamento que non buscan" e insistiu en que Pontevedra e Vigo son dúas cidades "condenadas a entendérense". Ao respecto da mobilización cidadá convocada para o 19 de xuño en Pontevedra en defensa da capitalidade provincial, opina o avogado que todos os edís do Concello de Pontevedra "teñen a obriga de defender á cidade fronte ao Goberno da Xunta, sexa da cor que sexa".