Segundo estimacións da OIT, parte das meniñas son sometidas a un réxime de escravitude sexual. Moita da culpa de que sigan aumentando estas actividades tena a crise.
Máis de 100 millóns de nenas traballan en todo o mundo, segundo estima a Organización Internacional do Traballo (OIT). Dese total, perto de 53 millóns son vítimas de explotación sexual comercial, ou sometidas ao réxime de servidume, dúas actividades que son consideradas como as peores formas de traballo infantil.
Estes datos fan parte do informe Demos unha oportunidade ás meniñas, divulgado esta cuarta feira, xusto antes do Día Mundial contra o Traballo Infantil, que se celebra esta sexta feira.
O estudo tamén sinala que, do total de nenas que son vítimas do traballo infantil, 20 millóns teñen menos de 12 anos (37,7%); e 32,3 millóns están na faixa de 5 a 14 anos (61%). A maioría destas meniñas realiza traballos no campo. No sector servizos -que inclúe as crianzas que traballan nos fogares, facendo labores de limpeza e outras-, as nenas representan o 30% do total. Na industria 9%.
A crise aumenta o risco de que as nenas teñan que traballar
Este informe da OIT, ademais, alerta do risco de que a crise financeira mundial poida empurrar un número cada vez maior de nenos, e en particular de nenas, cara o traballo infantil.
Nesta liña, sinalan que, se ben o número de nenos involucrados no traballo infantil está diminuíndo, a crise financeira podería erosionar estes avances.
Os factores que incrementan o traballo infantil
"Presenciamos un progreso real na diminución do traballo infantil. As decisións políticas ante a actual crise poñerán a proba o compromiso a nivel estatal e mundial de avanzar aínda máis nesta loita", sinalou o director xeral da OIT, Juan Somavia.
No informe, ademais de sinalar o risco de que os cativos comecen a traballar, debido ao escuro período económico, tamén se sinala que son as nenas as máis desfavorecidas no caso de que isto pase, dado que moitas familias favorecen os varóns cando se toman as decisións sobre a educación dos pequenos.
Outro dos factores que poden incrementar as cifras de traballo infantil inclúen os recortes nos orzamentos destinados á educación, e a diminución de remesas de cartos que os traballadores emigrantes van enviando ao seu país de orixe.