O dominio galescolas.net xa redirixe a escolasinfantis.net, un nome que non foi aínda aprobado pola Xunta.
O Goberno xa fixo desaparecer as Galescolas. Polo menos, na internet. O dominio galescolas.net xa non está operativo e, no seu lugar, redirixe a escolasinfantis.net. Os contidos do novo portal seguen a ser, visualmente, iguais ca os da anterior etapa, mesmo con referencias ao termo "Galescola" nas súas novas. Porén, o logotipo modificouse consonte a nova denominación e cun diferente tipo de letra, máis convencional.
Non consta que a Xunta de Galicia aprobase o cambio de denominación nin que se publicase no DOG. Dende a Consellaría de Educación e Benestar, da que aínda depende a rede de escolas infantís, tampouco quixeron dar ningunha explicación ao respecto ao peche desta edición.
O dominio escolasinfantis.net creouse o pasado 8 de marzo e modificouse o 8 de xuño. Esta parece que será a nova denominación oficial ou, cando menos, oficiosa das 'renovadas' Galescolas.