Bieito Lobeira solicitou que se anticipasen os pagos como noutras comunidades autónomas. O PP contestou que iso só atrasaría as axudas.
O voceiro de Pesca do BNG, Bieito Lobeira, defendeu este mércores unha moción na que pedía á Xunta que adiantase os pagos das axudas aos mariñeiros afectados polo paro temporal da actividade das frotas da NAFO, Gran Sol, palangre de superficie e arrastre de litoral. O deputado nacionalista denunciou o "atraso acumulado neste tema", malia as ordes que recoñecen aos tripulantes a posibilidade de obter estas axudas, e subliñou que outros gobernos autonómicos si as están a adiantar.
Na actualidade, son uns 4.300 os mariñeiros que se atopan á espera destes cobros e, segundo Lobeira, "atópanse nunha situación extrema, xa que non poden traballar e en moitos casos están agradando polas axudas dende hai case dous anos". Ademais da responsabilidade do goberno español, a quen lle corresponde esta xestión, Lobeira defendeu unha actuación por parte do goberno galego.
Réplica do PP
O portavoz de Mar do Partido Popular (PP), Xosé Manuel Balseiro cualificou de "surrealista" a petición de Lobeira, a quen acusou de "derivar o problema cara a Xunta de Galiza cando a solución non é trasladar o problema aos demais, senón exixir dilixencia por parte do goberno estatal". Nesta liña, acusou aos dirixentes estatais de "publicar tarde as ordes de paralización" e de "incumprir o articulado nas ordes de axudas, que obrigan a efectuar o pago ao final do período do paro".
Ademais, asegurou que "tendo en conta a amplitude da flota afectada habería que re-programar fondos", un proceso demasiado complexo e que precisaría do visto bo da Unión Europea. "Isto", dixo, "levaría canda si máis demoras e atrasos na percepción das axudas".