Os socialistas acúsano de "recortar" en 8,8 millóns de euros os plans de contratación de desempregados que deixou o bipartito.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, anunciou esta cuarta feira un novo plan para terminar co paro de longa duración, que consiste nunha inxección de 30 millóns de euros, a investir en convenios cos concellos para que catro mil parados sen prestacións económicas nin subsidios, "poidan acceder a un posto de traballo".
Alén disto, en resposta ás preguntas presentadas no Parlamento por nacionalistas e socialistas, Feijoo culpou á Xunta do bipartito de deixarlle unha "herdanza" moi negativa, por un lado en canto á "recesión económica"; e polo outro, en canto á "insuficiencia orzamentaria", que cifrou en 1.200 millóns de euros. Alén disto, asegurou que a anterior Consellaría de Traballo tiña "embalsamados" varios expedientes de regulación de emprego, que afectaban a 10 mil traballadores, "mentres lle concedeu 30 millóns, sen asegurar o futuro do seu cadro de persoal, a unha empresa que agora ten problemas".
O líder dos populares galegos e presidente da Xunta tamén quixo salientar que o seu goberno concedeu, "en 50 días, 2.850 axudas da Lei de Dependencia", o que supón, segundo subliñou, o 30% "da totalidade do que o fixo o bipartito en dous anos".
O PSdeG acusa a Feijoo de "recortar" os plans de contratación do bipartito
Polo seu lado, o voceiro de Traballo do Grupo Parlamentario Socialista, José Tomé Roca, denunciou que os 30 millóns de euros, anunciados polo presidente da Xunta para contratar a catro mil parados sen prestacións, supoñen "un recorte" de 8,8 millóns de euros dos plans de cooperación local para a contratación de desempregados que deixou o bipartito -que estaba dotado con 38,8 millóns de euros.
A través dun comunicado, Tomé Roca asegurou que o "recorte orzamentario" que prevé "aplicar" Núñez Feijoo, supón "rebaixar" en dúas mil persoas o número de parados empregados por parte dos concellos, "ao pasar de seis mil contratados en anos anteriores, a só catro mil". Nesta liña, o deputado socialista tamén sinalou que o plan de Feijoo "non é ningunha novidade", xa que se tiña realizado "nos últimos anos" de goberno bipartito.
Finalmente, os socialistas censuraron a medida, por tratarse "dun recorte das expectativas laborais dos desempregados, en época de crise", sinalando que tamén é unha "confirmación" de que o PPdeG "carece dun programa de emprego favorábel para os traballadores". Para concluír, Tomé Roca preguntoulle a Feijoo en que vai investir o seu goberno os 8,8 millóns de euros que lle sacou a este plan.