Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En ensino infantil e primario

Os sindicatos rexeitan o agrupamento do estudantado proposto por Educación

Alertan do empeoramento da calidade do ensino, sobre todo no rural. Xuventudes Socialistas amosa a súa preocupación polo apoio do conselleiro á segregación por sexos.

Redacción - 18:45 09/06/2009

Esta terza feira arrancou a negociación dos criterios para o posíbel reagrupamento do alumnado de Infantil e de Primaria, convocada pola Consellaría de Educación. A proposta da Xunta é xuntar o estudantado de Infantil e de Primaria do mesmo ciclo cando haxa 18 ou menos alumnos e de diferentes ciclos de Primaria cun número non superior a 15 alumnos e alumnas.

CIG-Ensino xa amosou a súa oposición á proposta, por considerar que empeora os criterios que se estaban a aplicar até agora. As propostas achegadas polo sindicato foron que os agrupamentos sexan excepcionais, que non teñan carácter obrigatorio, que se teña a opinión dos centros e que se teñan en conta criterios como a localización xeográfica do centro ou as características do alumnado.

En calquera caso, CIG-Ensino propón que só se agrupe o alumnado de Primaria dentro do mesmo ciclo cando non se superen os 12 alumnos, ou entre ciclo, se non se superan os oito, e en Infantil, cun límite de 10 alumnos. Tamén considera que a negociación non se debe dilatar máis dunha semana.

Pola súa banda, o STEG cualificou de "vergoñenta" a proposta de Educación, por empeorar os criterios aplicados dende 2003 e incumprir o programa electoral. O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza cifra en 300 as unidades que se reducirían no país como consecuencia da aplicación da proposta e en máis de 200 as persoas ensinantes que irían ao paro.

O STEG tamén propón uns máximos de 10 alumnos en Infantil (oito nas escolas de Infantil con Primaria) e de 14 en Primaria con alumnado do mesmo ciclo e de 10 con alumnado de distinto ciclo. Demanda, ademais, que nas ratios se teñan en conta a existencia de repetidores ou de necesidades educativas especiais. Ademais, o sindicato asegura que se cumpriron as súas denuncias de que a circular enviada por inspección era de aplicación e non de recolleita de información.

Separación por sexo
Xuventudes Socialistas tamén criticou os anuncios da Consellaría de Educación. As súas críticas non se limitan á decisión de reagrupar o alumnado nin á suposta separación segundo a lingua, senón que tamén amosaron a súa preocupación polo feito de que o conselleiro considerase "unha alternativa" a separación de sexos.

Segundo a secretaria xeral das XSG, María Torres, isto supón "perigosos pasos atrás en materia educativa nestes primeiros meses de goberno da dereita", e que contradí a Lei Orgánica de Educación con respecto á discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou circunstancias persoais ou sociais.

Cualificou de "ERE encuberto" a reagrupación do alumnado e a conseguinte diminución de prazas do profesorado, o que "afectará terribelmente" a calidade do sistema educativo. Tamén afirmou que a consulta aos pais sobre a lingua no ensino é "demagóxica" e amosou a súa preocupación polo feito de que o plan de aforro se estea a aplicar na educación pública mentres que se seguirá a financiar o ensino concertado.


4,6/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: