Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O COLECTIVO MATAR POR MATAR NON

Denuncian o uso de veleno para limpar o trazado dos gasodutos no monte

Aseguran que unha subcontrata de Enagás está a botar un herbicida que deixa a zona estéril. Pola contra, a empresa subliña que é respectuosa co medio ambiente.

Redacción - 19:00 08/06/2009

"Veñen ás caladas, esparexen o veleno e liscan". Así explica Xulio Fernández, de "Matar por matar NON", os acontecementos que nos últimos días veñen presenciando no monte. Galiza está conectada a través de gasodutos co Norte de Portugal e con Asturias, facendo que a súa rede entronque coa estatal en Guitiriz (Lugo) e en Abegondo (A Coruña). Pois ben, segundo denuncia este colectivo, o trazado de cada un dos gasodutos polos que circula o gas, estase a limpar cun potente herbicida que queima todo ao seu paso.

"Tanto no ramal que baixa de Ferrol para Tui, como no de Pontevedra a Ourense, como en todos os demais, no camiño paralelo ao gasoduto pódese ver a vexetación queimada", explica Xulio Fernández. "Chegan nun todo terreo un condutor e tres traballadores, provistos con máscaras, e nun día percorren unha media de tres ou catro quilómetros botando o herbicida. Cando os veciños lles preguntan, tratan de confundilos para evitar problemas e din que pertencen a medio ambiente ou que o veleno que aplican é inocuo". Porén, segundo Fernández, "o produto é tan tóxico e eficaz que demora máis de dez días en amosar os resultados e os seus efectos duran aproximadamente tres anos".

Resposta da empresa
Vieiros púxose en contacto con Enagás para indagar sobre os procedementos empregados para limpar o trazado dos gasodutos. A empresa transportista de gas asegurounos, sorprendida ante a denuncia, que a compañía subcontratada, Ecoespacio, foi escollida precisamente polas garantías de calidade e respecto ambiental que ofrecía.

Do mesmo xeito o asegura o xerente desta última, Pedro Rodríguez, quen lamenta a "desinformación e descoñecemento co que pode estar actuando o colectivo "Matar por matar NON". Así, explícanos que "ante todo, Ecoespacio é unha empresa homologada coa certificación 18.000 ISO que certifica a legalidade de todos os seus procesos ambientais". Segundo refire, "o proceso empregado para o acondicionamento do trazado dos gasodutos é absolutamente ecolóxico e respectuoso co medio ambiente".

"Para empezar tratamos de evitar en todo momento estragar o territorio, que é o que sucedería se entrásemos con maquinaria pesada". Por lei, o espazo inmediatamente pegado ao gasoduto debe de estar limpo, fundamentalmente para evitar accidentes como os acontecidos en outros países, tales como a rotura ou deterioro dalgún dos tubos por mor da presenza de raíces ou ramallos. "Nós optamos por un procedemento innovador e que mesmo nos fixo merecedores de recoñecementos que é o da inversión da flora". Este proceso supón que sexa a propia vexetación autóctona a que invada as trazas, configurando prados alongados flanqueados por bosque, que rodean os gasodutos. Nos metros máis próximos ao tubo, "o que facemos son tratamentos selectivos", explícanos Rodríguez, "porque hai que deixar un paso para a revisión dos gasodutos". Segundo detalla, é posíbel que se utilicen herbicidas neste tramo, máis asegura que, en todo caso, "son dunha toxicidade moi baixa, menor da que utilizan habitualmente os agricultores da zona".


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Matar por matar NON denuncia o uso de herbicidas no trazado dos gasodutos
Matar por matar NON denuncia o uso de herbicidas no trazado dos gasodutos
A empresa encargada, Ecoespacio, asegura que os herbicidas empregados son de toxicidade mínima (Fotos: Matar por matar NON)
A empresa encargada, Ecoespacio, asegura que os herbicidas empregados son de toxicidade mínima (Fotos: Matar por matar NON)