A partir do 1 de xullo, os equipos que se vendan no país asiático deberán levar preinstalado ou nun CD un software para bloquear, en principio, a pornografía.
O goberno chinés proxecta obrigar os fabricantes de computadores a que, a partir do 1 de xullo, inclúan software que bloquee o acceso a determinadas webs, o que supoñería un paso máis na censura que se aplica no país ao tráfico da internet. O executivo da China xa se puxo en contacto coas empresas fabricantes, pero aínda non fixo público o anuncio.
A administración chinesa pretende, deste xeito, protexer os menores de contidos "daniños", principalmente pornografía. Porén, na práctica, a China non bloquea exclusivamente webs con imaxes de tipo sexual, senón que o seu filtro é bastante máis estrito. Os fabricantes de computadores veranse obrigados a escoller entre rexeitar unha orde gobernamental nun importante mercado ou seren acusados de colaborar coa censura polo resto do mundo.
Segundo os fabricantes contactados, o software poderá ir preinstalados nos novos computadores, ou ben entregado conxuntamente nun CD. Pero expertos consultados aseguran que o software pode transmitir información persoal, provocar o mal funcionamento dos computadores e facelos máis vulnerábeis a ataques informáticos. Tamén impide que os usuarios saiban exactamente que contidos se lles están a bloquear.
Empresas como Hewlett-Packard (HP) xa anunciaron que tentarán asegurar a mellor experiencia para os consumidores e mais cumpriren cos requirimentos gobernamentais. O software chinés chámase "Encoro verde, escolta da mocidade", en referencia á vía libre (verde) de pornografía. Conectarase a unha base de datos de webs prohibidas actualizada constantemente.