"Está en xogo a xeración de postos de traballo e a independencia enerxética de Galiza", subliñan os nacionalistas.
O goberno español estabeleceu recentemente a esixencia de que as empresas adxudicatarias no sector eólico se inscriban nun rexistro. No fondo está a presunta existencia de manobras especulativas e o intento de controlar a situación por parte da administración, fixando como condición imprescindíbel esta inscrición para o acceso ao cobro de incentivos por produción eólica. Neste escenario, o freo ao proceso eólico imposto en Galiza polo novo Goberno é visto como un problema polo BNG, ao cargo da Consellaría de Industria durante o bipartito. "Pode darse o caso de que cando as empresas vaian formalizar a inscrición xa non haxa cota", alertou este luns Henrique Viéitez, voceiro do Bloque en materia de Industria.
Segundo Viéitez, a actitude do Goberno é "moi grave" no actual contexto de crise, onde a creación de postos de traballo e a viabilidade dos proxectos de desenvolvemento económico asociados ao concurso eólico "debían ser prioridade". Consideran os nacionalistas que o executivo liderado por Alberto Núñez Feijoo incumpre con esta estratexia o seu compromiso de priorizar a xeración de emprego e recorda os números asociados ao proceso, tal e como o resolveu no seu día o anterior goberno: 3000 postos directos na fase de construción o primeiro ano, 400 fixos para mantemento e 8000 a partir do desenvolvemento dos proxectos que estaban obrigados a presentar as adxudicatarias.
"O que temos é un Goberno que non sabe que facer, que non sabe como orientalo, pedindo informes non sabemos a quen, indo polo camiño equivocado, intuímos que por disputas entre os seus conselleiros", insinuou Henrique Viéitez. Na opinión do deputado nacionalista é incomprensíbel que nesta altura non estean resoltos cando menos medio cento dos recursos interpostos no proceso. O voceiro parlamentario do BNG en materia de Industria asegurou que o conxunto de iniciativas parlamentarias achegadas este luns faise eco das preocupacións das propias empresas adxudicatarias e laiouse de que mentres, o Goberno "dá paus de cego". "Unha cousa é a campaña electoral é outro é a realidade", reprochoulle Viéitez ao PPdeG.
Feijoo pide tempo
As declaracións do BNG chegan despois de que, hai apenas uns días, o presidente da Xunta expuxese, á saída do Consello de Goberno, que o seu equipo "está estudando este asunto". Asegurou Núñez Feijoo que habería novidades en breve prazo sobre o concurso eólico e remitiuse ás promesas realizadas no seu día.
Con todo, o pronunciamento inicial do PPdeG fora ao respecto da derrogación do proceso ao completo no momento en que accedese ao Goberno. Un estremo que, logo do 1M, virou en anuncio de "estudo" polo miúdo da situación e análise da legalidade das adxudicacións. Insistiu o presidente da Xunta en que a peneira que realiza o Goberno se basea "na defensa dos intereses xerais de Galiza e no cumprimento da legalidade". A proposta concreta de revisión correspóndelle expoñela, "en poucas semanas" segundo asegura Feijoo, á Consellaría de Economía e Industria.