Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
“episodio meteorolóxico adverso”

Alerta laranxa por vento para esta segunda feira

A previsión é que o vento do sudoeste chegue a acadar os 100 quilómetros por hora nas provincias d'A Coruña, Pontevedra e Lugo.

Redacción - 17:45 07/06/2009
Flickr: Madame Fastras

Flickr: Madame Fastras

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta alertou este domingo de que na segunda feira producirase un "episodio meteorolóxico adverso" de nivel laranxa que ocasionará o vento en terra e no mar.

Segundo o parte emitido pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, a través da Delegación Territorial en Galiza, a previsión é que o vento do sudoeste chegue a alcanzar os 100 quilómetros por hora nas provincias d'A Coruña, Pontevedra e Lugo -na Mariña, no centro da provincia e na montaña-.

Durante a xornada, os episodios máis fortes daranse entre as 10h00 e as 18h00, mentres o resto do día as rachas máximas acadarán unha velocidade de 80 quilómetros por hora, o que supón un "nivel amarelo" de alerta. En Ourense e Lugo -sur-, agárdanse rachas máximas por volta dos 80 quilómetros por hora, entre as 06h00 e as 20h00 -nivel amarelo-. Ademais, durante todo o día, prevese unha precipitación acumulada en 12 horas de 40 milímetros.

Fortes ventos do sudoeste na costa
A Axencia Estatal de Meteoroloxía informou, tamén, dunha alerta laranxa de vento nas zonas costeiras, prevista para a segunda feira entre as 10h00 e as 20h00. "Agárdase mar moi grosa en todo o litoral", sinalou, tras o que detallou que o vento do sudoeste ha soprar de forza 5 a forza 6, con intervalos de forza 7 na área de Fisterra a Sisargas.

Por isto, recomendouse á poboación seguir medidas de "autoprotección", ademais da retirada de obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras, así como evitar o paso perto de edificios en ruínas, árbores e paneis publicitarios. Tamén reiteraron a importancia de evitar achegarse a diques, malecóns ou cantís, para evitar os golpes de mar. Igualmente, aconselloulles aos condutores "extremar" as precaucións na estrada.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: