Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Considérao un test ilexítimo

A CIG arreponse ao bilingüismo á carta proposto por Educación

A central sindical considera "perversa e tendenciosa" a enquisa presentada esta sexta feira polo conselleiro e o secretario xeral de Política Lingüística.

Redacción - 18:00 06/06/2009
O conselleiro Xesús Vázquez na presentación dos cuestionarios

O conselleiro Xesús Vázquez na presentación dos cuestionarios

A CIG-Ensino volveu amosar a súa postura contraria á enquisa que a Consellaría de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística presentaron esta sexta feira. Esta consulta deberá ser respondida polos pais do alumnado de Primaria e Secundaria de Galiza, e nela deberán expoñer en que lingua queren que estuden os seus fillos e fillas: en galego ou castelán.

"Unha proposta tendenciosa e demagóxica"
Despois de denunciar a intención de elaborar esta consulta, unha vez que foi presentada, dende a central sindical volveron criticar os seus postulados. Segundo a CIG-Ensino, a enquisa é "absolutamente perverso", sobre todo porque "nin sequera recolle a opción de que a escolarización poida ser integramente en galegos, agás no ensino das outras linguas". Dende este sindicato tamén denuncian que o test está orientado, de maneira "tendenciosa" para os pais non se poidan declarar partidarios de superar a opción do actual Decreto 124/2007, xa que as preguntas están pensadas para que "se deixen de impartir en galego materias que estabelece como de impartición obrigatoria" o mencionado decreto, e o Plan Xeral de Normalización Lingüística".

Nesta liña, dende a CIG-Ensino din que esta proposta do Goberno non garante "unha participación democrática", xa que "pretende lexitimar a postura duns poucos"; e lembran que "o dereito á escolarización e os obxectivos que debe procurar a educación e a vehiculización do ensino en galego" son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade, e non "exclusivamente aos pais e ás nais". Alén disto, sinalan que o xeito no que se van facer os tests entre os pais e nais, carece de "control democrático", e serve tamén para "botar pola borda" o traballo feito polos Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística, o profesorado e os profesionais do ensino.

"Defendendo o dereito irrenunciábel a estudar no idioma propio"
A seguir, dende a central sindical tamén din, nun seu comunicado, que o inquérito é ilexítimo, na medida en que "está encarrilado para facilitar resultados que mesmamente poden contradicir o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística". Alén disto, volven criticar o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, do que din "non ten reparos en incumprir a legalidade establecida e está obsesionado coa persecución do noso idioma". Nesta liña, termina sinalando que a idea da Consellaría de Educación "non é outra que buscar xustificacións para aplicar as medidas regresivas que xa teñen programadas de antemán contra o noso idioma".


5/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: