Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
E axuda na súa reutilización

Pagar polas bolsas de plástico reduce o seu uso á metade

Era algo que se supuña, mais que non fora comprobado. Agora, a asociación ecoloxista portuguesa Quercus fixo a proba.

Redacción - 09:00 06/06/2009
Unha bolsa do supermercado portugués Pingo Doce

Unha bolsa do supermercado portugués Pingo Doce

Na práctica parece que todo o mundo o sabía, mais agora foi comprobado con datos reais: nos supermercados nos que cobran polas bolsas de plástico, o seu emprego cae case á metade. Isto é o que revela un estudo da asociación ecoloxista portuguesa Quercus, realizado na Madeira.

Membros da agrupación ecoloxista botaron varias semanas a observar, sen condicionar o seu comportamento, os usuarios de varios estabelecementos comerciais, e os resultados foron esclarecedores. Nos supermercados onde se distribúen de balde as bolsas de plástico, o 95% dos clientes levábanas; mentres os restante 5% traía bolsas propias da casa. Porén, entre os clientes dos supermercados que cobran polas bolsas, a proporción é de 51% e 49%, respectivamente.

Outra das conclusións ás que chegaron na Quercus é que o emprego de bolsas de balde tamén estimula o seu desperdicio. Na práctica, quen paga as bolsas aproveita para enchelas ao máximo -o 52% das persoas observadas-, mentres só enchen as bolsas o 17% dos usuarios que as teñen de balde.

Taxas ecolóxicas coma en Irlanda
En Portugal aínda non se prohibiu o emprego das bolsas de plástico, coma noutros países. É por isto que dende a Quercus lle demandan á Administración que dirixe José Sócrates, que elabore unha "lexislación que obrigue a cobrar unha taxa por cada bolsa de plástico entregada". No ano 2007, o Ministério do Ambiente chegara a suxerir a posibilidade de obrigar os estabelecementos a cobrar cinco céntimos de euro por cada bolsa, mais finalmente o goberno portugués gardou no fondo dunha gabeta a proposta de decreto que xa fora elaborada.

No país veciño distribúense ao ano perto de dúas mil toneladas de bolsas de plástico, un dato que fai que os ecoloxistas, demanden a eliminación destes obxectos no comercio, ou ben unha lexislación inflexíbel en canto ao seu prezo. Un exemplo é o que acontece en Irlanda, onde no ano 2002 o goberno decretou unha taxa de 15 céntimos a pagar por cada bolsa de plástico. En tres meses a cantidade de bolsas distribuídas nos supermercados caeu un 90%. No ano 2006, a pesar da taxa de cobro, o número de bolsas por habitante subiu lixeiramente, o que fixo que o goberno irlandés aumentase o valor de cada bolsa até os 22 céntimos de euro.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: