Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
"O teu planeta necesítate"

Unidos contra a crise e a mudanza climática

Esta sexta feira 5 de xuño o mundo enteiro conmemora o Día do Ambiente. Dende Galiza, os ecoloxistas pídenlle ao Goberno políticas activas na súa defensa.

Redacción - 12:10 05/06/2009

Dende 1972 celébrase, de ano en ano, o Día Mundial do Medio o 5 de xuño. Así o decidiron as Nacións Unidas nunha súa asemblea xeral, no mesmo día no que aprobaban o seu Programa para o Ambiente (PNUMA). Dende aquela, asociacións e colectivos ecoloxistas, sociais e políticos de todo o mundo, tamén de Galiza, celebran este día, aproveitando para demandarlle aos responsábeis das políticas ambientais unha solución aos principais problemas cos que se enfronta o medio.

Hai xa anos que a mudanza climática é un deses problemas; se cadra o sinalado coma principal. Mais en Galiza as organizacións ecoloxistas, alén de lembrarse do clima, falan doutro problema mundial que tamén está provocando innumerábeis agresións ao medio:o sistema económico mundial, creador da actual crise.

As cuestións ambientais están "nun segundo plano" en Galiza
Dende Amigos da Terra denuncian que, coa "escusa" da crise, "as cuestións ambientais en Galiza continúan sendo un tema secundario para os gobernos". Nesta liña, contan que o noso país, "cunha pegada ecolóxica equivalente a cinco veces o seu territorio", continúa a ser "un exemplo claro de insustentabilidade". Amigos da Terra coinciden coa asociación ecoloxista Adega ao destacar as "incoherencias" do sistema económico mundial, "baseado na especulación" e dependente das "enerxías non renovábeis", causante da deforestación; a diminución da biodiversidade -en Galiza hai 74 especies en perigo de extinción: 9 de flora, 8 de invertebrados, 13 de aves e un mamífero; e outras 121 especies son consideradas vulnerábeis-; ou o aumento progresivo dos residuos.

Pola "xustiza social e ambiental"
En Adega tamén pensan que aínda fica moito por facer para mellorar a situación ambiental de Galiza, e falan da "necesidade de buscar un novo modelo de desenvolvemento" no que primen os criterios de "xustiza social, no reparto da riqueza, e xustiza ambiental para a conservación do noso patrimonio natural". Nesta liña, lembran que as organizacións ecoloxistas levan anos advertindo das "consecuencias das políticas irracionais e insustentábeis emanadas do capitalismo salvaxe e baseadas no crecemento económico sen fin", mais que o "tempo de laiarse" terminou, e "cómpre actuar para mudar o rumbo da sociedade", deixando de "poñer parches" e comezando a actuar. Para isto, dende Adega enviaron un seu manifesto -que asinan tamén, diversas organizacións ecoloxistas e sociais do país-, e organizaron unha concentración e un acto reivindicativo-festivo este sábado 6 de xuño, de 11h00 a 13h00 a carón da Praza de Abastos, en Compostela.

"Falta absoluta de ordenación do territorio"
Dende Verdegaia tamén demandaron o cumprimento das Normas do Hábitat, elaboradas polo bipartito, e criticaron a existencia dunha falta "absoluta de ordenamento territorial", que deriva nunha "falta de protección" das zonas vulnerábeis. Alén disto, alertaron dos riscos da deforestación e da excesiva produción de residuos; criticaron a "cantidade de quilómetros per cápita anormalmente alta" que ten Galiza, mentres non se potencia o ferrocarril; e falaron da "desertificación do mundo rural", ao tempo que reclamaban políticas para que se poida "vivir e traballar" na aldea.

"O teu planeta necesítate. Únete para combater a mudanza climática"
Tamén haberá un outro acto conmemorativo deste día mundial, no Museo do Mar de Galicia, onde se desenvolverán diferentes actividades para concienciar o público sobre o quecemento global. Baixo o lema O teu planeta necesítate. Únete para combater a mudanza climática, e baseándose no programa da ONU, ensinaranlle aos escolares que participen nos obradoiros a combater a mudanza climática a través dunha redución no consumo doméstico. Os obradoiros permanecerán abertos ao público xeral toda a fin de semana, en dúas quendas, unha de mañá (de 11h00 a 13h00), e outra de tarde (de 17h00 a 19h00). Para poder participar é preciso facer unha reserva chamando ao teléfono 986 247 750.

"Política e cultura ambiental"
Alén do seu traballo individual e colectivo pola defensa do medio, os ecoloxistas coinciden en demandarlle ao Goberno políticas activas neste eido. Para paliar os efectos da mudanza climática en Galiza, as agrupación de defensa do medio falan da necesidade de deseñar un sistema de transporte "público e sustentábel" que reduza o emprego dos vehículos privados, e de pór en marcha políticas de redución de residuos e de aforro enerxético.

Polo seu lado, a Xunta, na súa declaración institucional no Día Mundial do Medio, sinala que no noso país "a identificación coa Terra é proverbial", polo que a cultura ambiental "ten que poñerse de manifesto de xeito permanente no conxunto das actividades públicas e privadas, individuais e colectivas, de produción e de ocio, industriais e agrarias". Nesta liña, falan de conformar políticas públicas "equilibradas" e "sustentábeis", e da xeración dunha "cultura cidadá" que asuma que a Terra é "ademais da nosa única morada, o noso maior patrimonio".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O Día Mundial do Medio, para funka, no seu Flickr
O Día Mundial do Medio, para funka, no seu Flickr
'Sede' / Flickr: freddy-click-boy
'Sede' / Flickr: freddy-click-boy
'Cidade ciclista' / Flickr: claudio_ar
'Cidade ciclista' / Flickr: claudio_ar
'Unha morte anunciada' / Flickr: macnolete
'Unha morte anunciada' / Flickr: macnolete
'Sustentabilidade' / Flickr: robertopecino
'Sustentabilidade' / Flickr: robertopecino