Aínda que se dá por feito que a lista que encabeza Seixo vai ser a máis votada, pola Base e o Colectivo 10 de marzo intentarán ter presenza no máximo órgano de dirección.
O pluralismo da Confederación Intersindical Galega (CIG) será ben visíbel no congreso que o sindicato nacionalista vai celebrar os vindeiros días 20 e 21 de xuño en Compostela. Polo de agora, está confirmada a presenza de tres candidaturas diferentes á Executiva: A da chamada “maioría sindical”, liderada polo actual secretario xeral, Suso Seixo; outra impulsada por afiliados próximo ao Movemento pola Base; e unha terceira na que traballa o Colectivo 10 de marzo.
A candidatura de Suso Seixo conta co apoio explícito dos afiliados do sindicato afíns á UPG; co Movemento ao Socialismo (onde se encadran dirixentes como Manuel Mera ou Antolín Alcántara); cos chamados “salmonetes”, grupo maioritario en Vigo (comandado por Xerardo Abraldes e Miguelanxo Malvido); e a Corrente Sindical de Esquerdas (composto maioritariamente por militantes próximos á FPG). Dáse por feito que esta lista conseguirá unha ampla maioría na votación.
Este mesmo martes, anunciouse a presentación dunha segunda lista que estará liderada por Francisco Cartelle, secretario de Organización da CIG de Ferrol. A candidatura, que está composta por membros do sindicato próximos ao Movemento pola Base, basea o seu programa en cinco eixos: independencia sindical, sindicalismo combativo, pluralidade ideolóxica, descentralización comarcal e autorganización.
A terceira candidatura conformarase nos vindeiros días e está imulsada polo Colectivo 10 de marzo, que lidera Bautista Vega. Algunhas voces incluso falan da posibilidade dunha cuarta lista, pendente de confirmar, e que podería estar auspiciada por sindicalistas próximos a antiga Unidade Galega.
Máis de 600 delegados en representación de 60 mil afiliados
Na actualidade, a CIG é a maior estrutura nacionalista do país. O sindicato conta con 60 mil afiliados distribuidos en diferentes comarcas e federacións. Logo dun longo proceso de asembleas internas, serán algo máis de 600 os delegados que teñan dereito a voz e voto no congreso de xuño. A Executiva resultante rexerá os destinos do sindicato durante catro anos.