Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ÁS 9 DA NOITE NO PAZO DE CONGRESOS

Chegou o 'Día W': Wilco en Compostela

A banda de Jeff Tweedy trae a Galiza un directo emocionante e sensíbel para presentar o seu oitavo disco, 'Wilco, The Álbum'.

Redacción - 13:09 01/06/2009

Wilco é probabelmente unha das bandas que xera máis unanimidades na música contemporánea. Moi poucos ou ningún lle negan a súa calidade técnica, orixinalidade e a habilidade de axuntar o pop e a vangarda, a lírica e a épica, as raíces do folk e a electricidade do rock. Son, quizais, a banda máis sólida do momento, e unha das máis capaces de emocionar sobre un escenario; hai uns días destacábao El País nunha crítica apresurada do concerto que ofreceron en Madrid: "Foi unha tremenda sacudida emocional. Tanta, que as bágoas caeron polas meixelas dalgúns espectadores. Ollo, non falamos de adolescentes encaprichados polo cantante pop do momento. Este é público indie, alternativo, fóra das canles comerciais, trintañeiros con vasta información musical e cellas enarcadas. Tanto tivo: choraron".

Chegan a Compostela presentando o seu oitavo disco, titulado 'Wilco, The Álbum', que sairá á venda este mes, pero que dende unhas semanas se pode atopar na rede. O seu novo traballo deixa atrás un máis irregular e melódico Sky Blue Sky (2007) e ao requintado e brillante A Ghost is Born (2004) regresando ás cancións redondas e sinxelas de Being There (1996) ou Summerteeth (1999). O concerto chega apenas uns días despois da morte de Jay Bennett, fundador da banda, que abandonou a formación por diferenzas con Jeff Tweedy, verdadeiro motor de Wilco e partidario dunha liña máis próxima ao pop e á americana. O gusto pola experimentación e o noise de Bennett deixou pegada no Yankee Foxtrot Hotel de 2002, un dos discos da década presente.

O deste luns é, con permiso do gran evento que prepara Bruce Springsteen para agosto no Monte do Gozo, o concerto do ano en Galiza. Será no Pazo de Congresos de Compostela, que estara ateigado, con entradas practicamente esgotadas dende hai meses, a partir das nove da noite. Haberá camisas de cadros e perreras, folkies e indies, un dos mellores concertos de rock que se poden ver hoxendía, da man dun Jeff Tweedy que avanza cara á historia.

Setlist do seu último concerto (Granada, 27 de maio)
1. Sunken Treasure   
2. You Are My Face   
3. Bull Black Nova
4. I Am Trying To Break Your Heart   
5. Kamera   
6. One Wing
7. Handshake Drugs   
8. Jesus, Etc.   
9. At Least That's What You Said   
10. Via Chicago   
11. Impossible Germany   
12. Hate It Here   
13. Walken   
14. Theologians   
15. I'm The Man Who Loves You

Bis 1:
16. Misunderstood   
17. Spiders (Kidsmoke)

Bis 2:
18. The Late Greats   
19. You Never Know
20. A Shot In The Arm   
21. I'm A Wheel


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: