No acto literario que terá lugar na illa de San Simón coñeceranse tamén os gañadores do Caixa Galicia de literatura xuvenil e do Merlín de infantil.
A peneira das 45 obras presentadas acabou coa designación, esta fin de semana, de catro novelas presentadas baixo os lemas A soidade dos leóns, Dinara, Limiar da conciencia e O retorno das aves. O sábado 6, na Illa de San Simón, coñecerase o gañador da XXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25 mil euros, escollido polo xurado formado nesta ocasión por Ana Bande (bibliotecaria), César Lorenzo (xornalista), Paz Raña (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Tamén se fallará a IV edición do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, dotado con 10 mil euros e no que participan dezanove obras, entre as que foron escollidos finalistas os lemas Ás de bolboreta, Dragal e Quiromántico. Tamén saberemos a resolución da XXIV edición do Premio Merlín de literatura infantil, dotado con 10 mil euros e no que participan vinte e catro obras. As finalistas son as obras presentadas baixo os lemas: Papude, Secundario e Septempunctata.