Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Antropoloxía

Por que actuamos á defensiva nos ascensores?

Dario Maestripieri asegura que as nosas actitudes en espazos pechados con xente descoñecida responden ao instinto primate.

Redacción - 08:00 28/05/2009

Un artigo publicado polo biólogo especializado en conduta Dario Maestripieri en Wired indaga na relación que existe entre a actitude dos seres humanos nos ascensores e os ancestrais instintos que compartimos co resto dos primates. Segundo el, estes habitáculos pechados son habituais escenarios de filmes de terror e espertan o medo de moitas persoas, a pesar de que o risco de sufrir unha agresión nun ascensor é "virtualmente cero".

A resposta instintiva tende a producir condutas de autoprotección. Así, en ascensores ateigados a xente tende a quedar quieta e mirar ao teito, ao chan ou ao botón do ascensor. Se dous estraños se atopan, tenderanse a apartar o máis posíbel, non enfrontarse directamente, non mirarse aos ollos nin facer movementos ou ruídos bruscos.

Aínda que os elevadores son un invento moderno, xa se teñen producido no pasado situacións de proximidade con outras persoas en espazos pechados. Por exemplo, no Paleolítico. Maestripieri pon o exemplo de dous cavernícolas que perseguen as pegadas dun grande oso nunha estreita cova. Nese caso o perigo, máis ca o oso, é o cazador rival. E naquela época, o asasinato era un "xeito aceptábel de saír de situacións socialmente incómodas", como hoxe en día se pode usar unha cita médica como escusa para marchar cedo dunha festa.

O mesmo fenómeno observouse entre os chimpancés de Uganda cando atopan un macho doutro grupo. A súa solución é un pouco máis drástica: córtanlle a gorxa e os testículos, por se sobrevive e lle dá por tantar reproducirse.

Aínda que o ser humano evolucionou moito nos últimos miles de anos, o instinto fronte a situacións de perigo permanece intacto dende hai millóns de anos, e compartímolo con outros primates.

Así, os macacos que se ven atrapados xuntos nunha gaiola tentan facer calquera cousa para evitar a agresión: moverse con coidado, actuar con indiferenza ou sentar nun recuncho, para evitar tocarse co posíbel elemento hostil. Tampouco se miran aos ollos, pois para os monos significa unha ameaza.

Estes macacos miran cara ao aire, á terra ou a algún punto imaxinario do exterior, pero así que pasa o tempo acaban por perder a calma. Para romper o xeo, é preciso efectuar algún tipo de comunicación que, ao tempo, deixe claro que non hai intencións hostís. Este tipo de monos fano amosando os dentes ou despiollando o acompañante.

No caso dos humanos, a solución é sorrir e comezar a parolar, por moi intranscendente que sexa o tema de conversa. Aí pode estar a orixe das conversas de ascensor.


4,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: