Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En risco o pacto de goberno en Cangas

Sen licenza e pola brava as máquinas entran a esbandallar no Salgueirón

Foro Social e Concellaría de Urbanismo falan da conivencia de administracións co proxecto e recordan a relación do conselleiro de Territorio coa empresa.

R. N. - 13:15 25/05/2009

Este mesmo luns a maquinaria pesada volveu entrar no contorno do porto do Salgueirón, en Cangas, para proseguir os traballos de construción do porto deportivo. Un porto que, ao igual que a macro-urbanización e espazos comerciais adxacentes, foi eliminado do Plan Xeral de Ordenación Municipal e Urbana que agora mesmo está en exposición pública. Ao igual que nos últimos días, os veciños trataron de paralizar a actividade das máquinas mais, paradoxalmente, a empresa contou co apoio da Garda Civil, que identificou os veciños e facilitou que a construtora seguise cos traballos.

En días pasados, os veciños botaran man da policía municipal, instando os axentes a requiriren a licenza municipal para as obras. Toda vez que tal licenza non existe, a adxudicataria, Puentes e Infraestruturas, tivo que paralizar daquela as obras, malia inicialas novamente ao marcharen os axentes, segundo denuncian desde o Foro Social de Cangas. Critican tamén os veciños que os axentes da Garda Civil ameazaron a mobilización cidadá coa presunta existencia dunha orde da subdelegación do goberno español para deter as persoas que se concentraran en días sucesivos, malia que, requirida ao respecto, a subdelegación non facilitou tal orde.

Avisan desde o Foro de que a manobra especulativa e á vez "grave atentado ecolóxico" estase tratando de camuflar baixo o permiso da Autoridade Portuaria, malia a galería de irregularidades longamente denunciadas, incluída a inexistencia do plan de usos para o porto deportivo e o contencioso pendente de resolver que enfronta o proxecto coa confraría local de pescadores. "É terríbel ver como seguen metendo formigón e sacando pedras do mar mentres as administracións non fan nada", láianse desde o Foro Social. A plataforma veciñal apunta ás responsabilidades que consideran que ten a alcaldesa de Cangas, Clara Millán (BNG), a quen lle reclaman a actuación directa para paralizar as obras.

O pacto de goberno en risco
Consultado ao respecto da situación, o concelleiro de Urbanismo cangués, Mariano Abalo, da formación Alternativa de Esquerdas (ACE), afirma ver unha conivencia para levar adiante a operación entre a alcaldía, a subdelegación do goberno español e a empresa. Á vez, avalía o edil que a empresa Puentes actúa "como mamporreira de Caixanova", en referencia ao aval da entidade financeira á operación, integrada na promotora Residencial Marina Atlántica. Abalo critica a posición dos seus compañeiros de goberno, BNG e PSdeG, neste conflito e pregúntase sobre a posíbel existencia dalgún tipo de "compromiso" de nacionalistas e socialistas para un "trato de favor" a este proxecto, obstaculizando así a súa paralización.

Ao respecto, admite Mariano Abalo que o enfrontamento podería afectarlle a curto ou medio prazo á estabilidade do pacto de goberno local. Recorda o responsábel de Urbanismo o compromiso "asinado" co que iniciaban as tres formacións o treito conxunto de goberno e remítese á reunión da asemblea da ACE para decidir sobre o futuro do acordo. Durante a mañá deste luns non foi posíbel contactar coa alcaldesa. Con todo, o BNG local rexeitara noutras ocasións avaliar o asunto, recordando que o pacto fixa a responsabilidade de toda declaración pública ao respecto no edil de Urbanismo. En declaración á prensa local en datas recentes, desde Bloque e PSOE coincidiron en negar que o Concello poida actuar legalmente no caso do porto deportivo e instaron á ACE a seguir as negociacións coa empresa sobre o complexo urbanístico a pé de mar.

"Manual de especulación"
O outorgamento "opaco" da concesión de porto deportivo por parte da Autoridade Portuaria, a inexistencia dunha exposición pública "verdadeira", a non presentación no momento inicial do informe de impacto ambiental, a existencia dun informe vinculante da consellaría de Pesca totalmente contrario ao porto e logo "misteriosamente desaparecido", o "desprezo" polo valor histórico e cultural da vella fábrica de Massó (proposta para a catalogación como Ben de Interese Cultural), o salto por riba da consideración de espazo natural protexido da Lagoa da Congorza, as diversas irregularidades no proceso de recualificación de terreos... Son todo un conxunto de acontecementos dos que lles temos contado en Vieiros anteriormente e que desde o Foro Social definen como exemplo do "manual de especulación"-

Doutra banda, o concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo, citaba a maiores este luns tamén a relación laboral que até hai pouco uniu o actual conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, coa empresa Puentes, da que foi director de Desenvolvemento. Unha relación que foi obxecto de polémica parlamentaria polas adxudicacións obtidas pola empresa respecto de obras pechadas durante a última etapa do goberno Fraga na que o propio Hernández tiña responsabilidades políticas e que, presuntamente, incumpriría a lei de incompatibilidades. Unha situación que, en opinión do concelleiro, "acelera e facilita" todo o proceso de construción deste complexo urbanístico cangués.


5/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: