Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONFLITO

Os traballadores do metal urxen á Xunta a mediar no conflito laboral

CIG, UXT e CCOO criticaron as cargas dos antidisturbios e aseguraron que a folga "non era contra a Policía".

Redacción / EP - 17:40 22/05/2009

Os representantes sindicais do Metal en Pontevedra indicaron este venres que o conflito do sector "non é coa Policía, senón coa patronal" e advertiulle á Xunta que "se lle esgota o tempo" para mediar entre os sindicatos e os empresarios.

O representante de UXT, Diego Atanes, referiuse en Vigo ás cargas policiais antidisturbios contra os manifestantes, tachándoas de "sen sentido e sen medida", porque os manifestantes non son "nin delincuentes nin vándalos".

O voceiro de CCOO, Ramón Sarmiento, advertiulles aos representantes do Goberno que "xa non vale só con dicir que están a disposición das partes" e que deben convocar a mesa de negociación. Tamén criticou que a Admnistración "só está a disposicón de quen non quere negociar", en referencia á patronal.

Miguel Anxo Malvido, de CIG Metal, dixo que o paro do sector naval deste venres, nun principio non previsto, manifestou a repulsa do cadro de persoal contra a actuación policial do xoves, con cargas "desmedidas e inxustas".

Pola súa banda, Antolín Alcántara, encargado de Negociación Colectiva da CIG, animou os traballadores do Metal a continuar coa súa loita polo convenio, contra os empresarios "depredadores". Con respecto ás botaduras de barcos, precisou que os traballadores dos estaleiros as decidirán en asemblea, e lembrou que "hai que ser responsábeis" pola delicada situación financeira dalgunhas empresas.

Fontes sindicais anunciaron que, en principio, non haberá paros a vindeira semana e que en próximos días decidirán se se convocan novas mobilizacións, despois de deixarlles un tempo ao empresariado e á Xunta a retomar o diálogo.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: