As diferentes asociacións ecoloxistas coinciden en criticar a tímida aposta dos gobernos na protección da diversidade biolóxica.
O eucalipto é unha das especies foráneas máis estendida polo país
Dende a Federación Ecoloxista Galega destacan a variedade de especies que existen no país por estarmos entre dúas biorrexións (Eurosiberiana e Mediterránea) e aproveitan esta xornada para instar á sociedade a traballar pola súa conservación. Esta organización sitúa a destrución de hábitats no epicentro do problema, e argumentan que este proceso é debido en moitas ocasións á construción de grandes infraestruturas. Láianse ademais de que as administracións deixen nun segundo plano a conservación das especies ameazadas a en perigo de extinción.
Critican neste sentido ao Partido Popular polo deseño do novo goberno, ao incluír na mesma consellaría as competencias de Medio Ambiente e Infraestruturas. Tamén se lamentan da "desidia" dunha administración galega que tardou 17 anos en ter unha lexislación propia sobre a protección das especies ameazadas e hoxe, dous anos despois da súa aprobación, aínda non a aplica.
Adega critica a ameaza que supoñen as empresas estranxeiras
Dende a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) critícase o feito de que especies foráneas como galápagos da Florida, carpas vermellas, visóns americanos ou eucaliptos sexan hoxe habitantes permanentes do noso territorio contribuíndo a diminución da diversidade de especies autóctonas. Ademais laméntanse de que tendo Galiza "unha das máis ricas biodiversidades de Europa", as administracións non usen axeitadamente as ferramentas que teñen na súa man como a Rede Natura ou os Planos de Conservación das Especies Ameazadas.
PEFC anima a traballar na xestión sostíbel dos montes
A organización ecoloxista PEFC avoga por un uso dos montes que manteña a súa diversidade, sen minguar aqueles aspectos aos que hoxe se lle presta máis atención, como a produtividade, vitalidade ou capacidade de rexeneración. Así, animan aos propietarios de montes a certificalos para obter un selo que garanta a súa xestión sostíbel, e contribuír deste xeito a valorizalos.