Unha nova institución académica impulsada pola ONU levará o ensino superior á mocidade que non dispón de medios no seu país.
A ONU presentou a primeira universidade mundial, en liña e de balde, coa que espera impulsar o acceso ao ensino superior do estudantado das áreas menos desenvolvidas do mundo. A Universidade do Pobo forma parte da Alianza Global da ONU sobre Tecnoloxías da Comunicación e Desenvolvemento para pechar as fendas educativas mediante as novas tecnoloxías.
O fundador da institución académica, Shai Reshef, explicou que "para centos de millóns de persoas en todo o mundo, o ensino é un soño que non se pode facer realidade". A pobreza, a carencia de centros de estudo ou limitacións físicas impídenlle a moita xente nova continuar os estudos.
A UNU abriu o prazo de matrícula hai dúas semanas e xa conta con 200 alumnos en 52 países, principalmente na China. O centro empregará tecnoloxías abertas, métodos de teleensino e o contacto entre o alumnado para impartir os cursos ao custo máis reducido posíbel.
Para participar é preciso contar con acceso a un computador, título de educación secundaria e un certo nivel de inglés. O artífice da universidade recoñeceu que dispoñer dun computador conectado á internet é unha limitación importante para o alumnado dos países máis pobres, aínda que asegurou que os requirimentos técnicos para acceder son mínimos: unha conexión telefónica, pois non conta con elementos multimedia.
Os prezos son tamén reducidos: unha matrícula de entre 10 e 36 euros, segundo o país, e cotas de entre 7 e 72 euros por cada exame. Para ser rendíbel, a universidade precisa 4,35 millóns de euros e 15 mil estudantes.