Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARA O 2011

Ao final, haberá ponte sobre a ría de Noia

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas anuncia que desbotará o proxecto da variante interior deseñado polo bipartito.

Isabel G. Couso - 14:30 20/05/2009

O deseño das conexións por estrada na comarca de Noia semella unha historia por episodios que non ten fin. O último é o que ven de propiciar o cambio de goberno na Xunta de Galiza, xa que o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou que o seu goberno retomará o proxecto de construción dunha ponte sobre a ría de Noia previsto co goberno de Manuel Fraga. O Parlamento aprobou, a proposta do PP, unha proposición non de lei neste sentido e Hernández adiantou que a infraestrutura estará rematada en 2011.

Na súa comparecencia, considerou un "atropelo para os cidadáns" a anulación daquel trazado por parte do bipartito cando, dixo, "todos os informes eran favorábeis". Pola contra, a opción de construír unha ponte é, para o conselleiro, "máis rápida, eficaz e vertebrará mellor a comarca". Ao tempo, lembrou que o proxecto do viaduto non recibira máis de 47 alegacións fronte ás 2.339 da conexión interior que agora quedará anulada.

A oposición, en contra
O bipartito tomara a decisión de optar por unha variante interior por diferentes motivos. Dunha banda, porque tanto PSdeG como BNG entendían que o viaduto só resolvía a conxestión viaria cara ás praias de Porto do Son, é dicir, que non era máis que unha solución para os turistas que se achegaban á costa dende Santiago. Pola contra, consideraban que non ofrecía unha conexión con Noia e os concellos do seu entorno, como Outes ou Boiro.

Ademais, diferentes estudos, como un informe elaborado por Pesca en 2004 alertaba sobre os danos permanentes que unha infraestrutura deste tipo podería ocasionar sobre a ría, especialmente rica no sector marisqueiro, xa que é un dos caladoiros máis destacados de todo o mundo na recollida de berberecho. Estes datos fixeron que houbese certas reticencias entre os mariscadores, as confrarías tanto de Noia, como de Porto do Son ou Portosín, así como por parte de diferentes colectivos sociais.

Con todo, no debate parlamentario, tanto Xosé Manuel Lage (PSdeG) como Ana Pontón (BNG) centraron as súas críticas na mudanza de modelo e pediron garantías para que a variante estea construída en 2011, tal e como prometeu o conselleiro, e para que se cree unha comisión mixta de seguimento.

Unha historia que vén de atrás
Esta polémica que non abandona a primeira plana da actualidade na comarca arrinca nos anos 80 cando a necesidade de mellorar a capacidade das vías de comunicación desta zona por mor do incremento do parque automobilístico fai que comece a formularse a posibilidade de construír unha nova ponte. Dende entón, até agora, baralláronse diferentes posibilidades e o proxecto de conexión pasou por diferentes deseños.

Fora durante os últimos anos do goberno de Fraga, cando era alcalde de Noia o popular Antonio Pérez Insua, cando se lle deu un verdadeiro impulso ao proxecto. No 2005 apróbase un trazado que contempla a construción do viaduto, cunha declaración de impacto ambiental favorábel e corrixindo afeccións sobre o territorio que xeraran diferentes protestas veciñais. Iníciase así todo o proceso legal e comezan a realizarse as expropiacións. Con todo, o proxecto conta cunha importante oposición veciñal, que se fai patente con diferentes manifestacións organizadas pola Plataforma pola Defensa da Ría de Noia.

Así as cousas, chega o cambio de goberno na Xunta de Galiza e paralízase todo o proceso. Dase a coñecer o informe elaborado por Pesca en 2004 que informaba do impacto na calidade das augas e, considerando que o impacto ambiental non era admisíbel, mudase o proxecto polo dunha variante interior. Esta outra proposta tamén recibiu numerosas críticas por mor do impacto que supoñía en diferentes aldeas, tanto a nivel paisaxístico como ambiental. Neste caso, as críticas estiveron lideradas pola plataforma Variante Interior Non, quen presentaron numerosas alegacións.

Finalmente e logo de introducir algunhas modificacións en varios tramos do percorrido para reducir a afectación urbanística, a conselleira de Política Territorial do bipartito, María Xosé Caride, anunciaba que a variante estaría rematada a finais de 2011 ou comezos de 2012.


Ligazóns

2/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: