A Federación Internacional desbotou 10 dos modelos e instou a facer modificacións nos outros 136 antes de que se celebre o mundial de Roma, que comeza en xullo.
Alain Bernard, posuidor do récord mundial de 100 metros libres
A Federación Internacional de Natación (FINA) anunciou que só 202 dos 348 modelos de bañador que recibiu para ser estudados poderán seguirse utilizando nas condicións actuais. Dos 146 que prohibiu, 10 foron rexeitados "por non pasar as probas de flotabilidade e espesor" e outros 136 necesitan certas modificacións.
A FINA adoptou esta medida como resposta ás críticas xurdidas nos últimos meses polo papel dos bañadores na avalancha de recordes que está vivindo a natación. Cada vez son máis as voces do mundo da natación que piden a fabricación estandarizada dos traxes de natación.
Este organismo explicou que os fabricantes dos 136 bañadores que deben ser modificados teñen até o 19 de xuño para volver a presentar os modelos coas correspondentes correccións. Este prazo permítelles realizar as modificacións indicadas e poder levar os seus bañadores aos mundiais que se celebrarán en Roma nos meses de Xullo e Agosto.
Na lista de bañadores aprobados non están, por exemplo, os que utilizaron os nadadores franceses Alain Bernard e Frederick Bousquet para mellorar as marcas mundiais de 100 e 50 metros libres respectivamente.