Por unha iniciativa do BNG, os grupos reclamáronlle ao goberno español que revise a situación xurídica das actuais explotacións.
O Congreso demandoulle esta terza feira ao goberno español que suspenda cautelarmente a concesión de novas centrais hidroeléctricas no Miño-Sil. A comisión de Medio Ambiente aprobou por unanimidade unha proposición non de lei da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, na que se lle reclama ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño que paralice os proxectos, para darlle prioridade á realización de estudos que avalíen os seus impactos ambientais e sociais.
"Un enorme impacto ambiental, paisaxístico e tamén cultural"
A proposición do Bloque foi aprobada cos resto dos grupos, que se sumaron finalmente á iniciativa ,despois de negociar as súas emendas, a pesar das reticencias iniciais dos socialistas. Finalmente, a proposta inicial de Fernández Davila, que falaba de "paralizar" as centrais, foi trocada pola de "suspendelas cautelarmente", mentres non terminen os estudos de impacto ambiental e social. A resolución que saíu adiante insta o ministerio que dirixe a ourensá Elena Espinosa a extinguir aqueles títulos de concesión "que se atopen en situación de irregularidade", e baséase nunha proposición non de lei aprobada no Parlamento Galego en setembro do ano pasado.
Na actualidade da conca Miño-Sil atópanse 77 centrais hidroeléctricas, das que máis do 80% están en territorio galego, e unha grande parte son embalses, unha sobre-explotación que, segundo Fernández Davila, fai que a conca "sufra un enorme impacto ambiental, paisaxístico e tamén cultural".