Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPARECENCIA PARLAMENTARIA

Facenda cifra agora en 1.200 millóns a "desviación orzamentaria"

Unha estimación "excesivamente optimista" e "incerteza" no cobro de fondos europeos pendentes, entre as causas di a conselleira. A oposición négao.

Redacción - 17:55 19/05/2009
Marta Fernández Currás, na tribuna do Pazo do Hórreo / Conchi Paz

Marta Fernández Currás, na tribuna do Pazo do Hórreo / Conchi Paz

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, compareceu este martes no Parlamento, a petición propia, para aumentar a previsión de "desviación orzamentaria" até os 1.200 millóns de euros. Segundo a conselleira, arredor de 650 millóns corresponderíanse ao que o Goberno ingresará de menos e outros 500 a "compromisos asumidos pero que non contan con respaldo presupostario".

Segundo Fernández Currás, a situación financeira é "moi diferente" da prevista nas contas para 2009 elaboradas polo anterior Goberno, por unha "estimación excesivamente optimista". A desviación de ingresos e gastos, que cualificou de "tremenda", reduce a marxe de manobra do novo Executivo "dun xeito case abafante", asegurou a conselleira, que engadiu que se farán axustes nas contas e que se manterá a prioridade do gasto público.

A responsábel de Facenda tamén amosou a súa incerteza polo cobro de 200 dos 350 millóns de euros pendentes de ingresar e procedentes de fondos europeos. Considerou "irresponsábel" estabelecer no 1,3 por cento o crecemento previsto do PIB, que o IGE situou no -2,5. Tamén criticou que se "desperdiciaron oportunidades en época de vacas gordas" pola "baixa execución" do orzamento de 2008 e polo feito de que non se esgotase o endebedamento, con 330 millóns de menos.

A oposición nega que haxa burato
A voceira de Economía do PSdeG, María Xosé Caride, acusou a conselleira de "tentar confundir" axustes económicos con "perdas inxustificadas de recursos públicos" e asegurou que o que denominan "burato" na Xunta é só "un desaxuste nas previsións. De burato, nada de nada".

Caride advertiu a Fernández Curras de que "de existir un desfase será unicamente derivado da súa xestión", pois os ingresos e os gastos estaban "equilibrados" ao remate do primeiro trimestre.

Pola súa banda, o voceiro de Economía do BNG, Fernando Blanco, acusou a Xunta de estar "a utilizar este pretendido burato para volver atrás" nos compromisos electorais e asegurou que "teñen crédito" para levar adiante os orzamentos en todas as consellarías.

Criticou que se faga un "debuxo equivocado", pois "ese burato non existe". "Dediquen o 10 por cento do esforzo que dedican a combater o galego en combater a crise e a Galiza iralle moito mellor", engadiu Blanco.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: