O SXG reclama que as subvencións que reciben as empresas coa excusa do idioma estean condicionadas ao seu uso real.
O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) denuncia, na véspera Día das Letras Galegas, que o emprego do galego é aínda unha rareza na maioría dos medios de comunicación privados da Comunidade. O SXG reclama que as multimillonarias subvencións que reciben todos os anos ás empresas coa escusa do idioma estean condicionadas a un uso real do mesmo e á loita contra a precariedade, especialmente ante a actual vaga de despedimentos.
Así mesmo, chama a atención sobre a "hipocrisía das portadas do 17 de maio", en referencia á tradición de que as portadas da prensa galega neste día se publiquen na lingua propia. No comunicado, o SXG di valorar "positivamente" este costume, pero entende que é unha "práctica hipócrita".
"A realidade do día a día é ben diferente, pois son moitos os afiliados do SXG que queren escribir máis noticias en galego pero que non poden facelo debido as políticas empresariais que favorecen o castelán en todas as áreas temáticas que non sexan, sobre todo, cultura ou opinión". O Sindicato, di, respecta a total liberdade das empresas para escoller o idioma no que publican. Porén, o SXG pídelles aos medios un compromiso máis alá do puramente estético ou testemuñal co galego, que tamén é a lingua de moitos dos seus empregados e da maioría da súa audiencia.
Ademais, esta organización lémbralles aos poderes públicos que unha das súas obrigas legais é fomentar o uso da lingua. Por iso, o SXG reclámalles ás administracións que o emprego regular deste idioma sexa, xunto coa erradicación da precariedade laboral, un criterio clave á hora de conceder as subvencións e as campañas de publicidade que, con cartos públicos, serven para financiar ás empresas da comunicación. Así se recolle nunha proposición non de lei aprobada por unanimidade no Parlamento na pasada lexislatura. O SXG demanda que este criterio, condicionar as subvencións ao uso real do galego e á loita contra a precariedade, se incorpore á Lei de Publicidade Institucional, que a Cámara debe tramitar nos vindeiros meses.