Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
OPINAN SOBRE RAMÓN PIÑEIRO

Unha estratexia política a través da cultura

Triunfou ou fracasou Piñeiro? En que medida é responsábel dos éxitos e limitacións do galeguismo hoxendía? Está en perigo o galeguismo de consenso que defendeu? Entra aqui no especial Letras 09.

Marcos S. Pérez - 10:00 16/05/2009

A Piñeiro cómpre recoñecerlle, en calquera caso, o ter asegurado a continuidade da lexitimidade histórica do galeguismo; é o elo que conecta no interior do país o Partido Galeguista anterior a 1936 coas novas xeracións de mozos, nos que intentou facer abrollar a 'conciencia de Galiza'. Cómpre recoñecerlle, igualmente, a súa defensa da lingua galega, con análises moi acertadas, como a que expresou a través de A linguaxe e as linguas, o seu discurso de ingreso na Real Academia.

Despois chegan os debates ideolóxicos, a súa renuncia ao nacionalismo e ao principio das nacionalidades, o seu anticomunismo militante e a súa polémica incorporación como independente ás listas do PSdeG-PSOE, que o levou a un primeiro parlamento galego onde tivo actuacións brillantes, como o seu traballo a prol da aprobación da Lei de Normalización, e outras menos, como o seu voto a favor da expulsión dos tres deputados do Bloque-PSG. En calquera caso, mesmo estes aspectos máis polémicos na figura de Piñeiro revélanos unha personalidade rica, merecedora dun debate fondo sobre el e sobre o propio galeguismo e sobre o país. Piñeiro é un nobelo polo que podemos seguir a historia do século XX en Galiza, tanto na política, como na sociedade e na cultura.

A revisión do nacionalismo
A primeira acusación que dende o mundo nacionalista se lle fai a Ramón Piñeiro é a liquidación do Partido Galeguista nos anos cincuenta e a súa opción por unha estratexia na que o galeguismo, renunciando ao concepto da nación política e ao principio das nacionalidades (e ao conseguinte obxectivo final de acadar unha estrutura estatal), se espallaría por todos os partidos que operasen no país. Para Camilo Nogueira, o PG puido ser nos anos sesenta "a casa común do nacionalismo" ou cando menos "un partido democrático de centro" ao estilo do PPG que despois Piñeiro tentou impulsar sen éxito. "Nos primeiros anos da postguerra igual non se podía facer outra cousa", di Nogueira, pero engade que "o problema é eliminar o PG e cortar coa idea de Galicia como nación. Que é iso de 'Conservar a alma cultural de Galicia?' Hoxendía é imposíbel manter un carácter cultural de nación sen un instrumento político equiparábel ao dun Estado".

Xosé Luís Méndez Ferrín é contundente ao asegurar que "Piñeiro é un nacionalista que prohibe a palabra nación e que veta a organización de calquera partido nacionalista" e conclúe que "o seu modo político foi a apraxia", baseada sobre a "intimidade radical e o ipsismo saudoso". Pola contra, Xosé Luís Franco Grande cre que a doutrina de Piñeiro era a mesma de Castelao, mais en tempos históricos distintos: "Piñeiro o único que dixo foi 'estamos noutro mundo', o gran problema era galeguizar o país, a política viría despois. Iso é algo que el nunca pensou en ter que facer, era a xente nova a que o tería que facer".

De igual xeito, para Miguel Barros, Piñeiro tivo "o carácter de acometer a revisión do principio das nacionalidades, propoñer que o galeguismo abandonase o corolario do principio das nacionalidades: que a cada nación corresponde un Estado. Ese é o cerne do seu pensamento político, e o que lle ten suposto inimizades moi fondas". Para Barros, Piñeiro ve que as posibilidades de que Galiza conte cun Estado son escasas, e aposta por un proxecto máis viábel: Galiza pode ser unha nación, pero non necesariamente contar cun Estado de seu, senón que se pode integrar nun Estado federal supranacional. Ten unha mentalidade campesiña e percibe moi claramente o desnivel de horizontes entre o real e o desexado, e aposta por fundir eses horizontes. Así pois, revisa o nacionalismo galego e transforma o seu horizonte ideolóxico no federalismo.

O seu proxecto político: Un galeguismo non nacionalista
Eis o seu proxecto político, que tentou desenvolver nunha estratexia que en orixe era principalmente cultural e de socialización dunha nova xeración. Para Barros, Piñeiro fai esa elaboración "nun país que era á altura dos anos 50 un auténtico ermo intelectual e político. El era moi consciente das nosas eivas colectivas, entre outras a falta de conciencia histórica, e o insuficiente desenvolvemento da conciencia do nós. El quería fundir o horizonte da expectativa persoal, do proxecto individual, da vida de cada quen, coa elaboración da conciencia colectiva".

Para Víctor Freixanes, para analizar a acción de Piñeiro é importante ser consciente de como era a sociedade galega dos anos 50, e da necesidade de estabelecer ligazóns entre o galeguismo de antes da guerra e os mozos; segundo o director de Galaxia, o papel de Piñeiro é o que o propio Piñeiro lle revela a Basilio Losada en 1962 nunha carta: 'eu son o animador para que os demais se expresen, intento ser o catalizador'. Para Freixanes, Piñeiro "deixou unha pegada de sementeira intelectual e de conciencia de Galicia nas novas xeracións; logo moitas desas novas xeracións discrepan con el e mesmo se enfrontan a el politicamente, pero sempre a partir desa sementeira que deixou neles".

Para Xusto Beramendi "non ten sentido atacar a Piñeiro polo que se fixo ou non se fixo no ano 50; daquela, francamente, non se podía facer máis. E o que se fixo tivo o efecto positivo de polo menos darlle unha vía de continuidade ao ideario, aínda que fose algo deturpado, do nacionalismo de preguerra. E socializaron ese nacionalismo a un pequeno grupo de mozos, que aínda que fose moi pequeno protagonizaron o rexurdir dese nacionalismo".

Distinta é a opinión de Beramendi sobre a actuación de Piñeiro a partir dos anos sesenta, sobre todo na Transición: "A xustificación que había nos anos cincuenta para a inhibición da acción política deixou de existir a mediados dos anos sesenta; boa proba diso é que Piñeiro promove un partido socialdemócrata (o PSG) e intenta promover outro, democristián (o PPG), que non calla. Iso indica que el cambiou radicalmente de pensamento e empeza a actuar en función dunha ideoloxía elaborada por el, que é o galeguismo non nacionalista, que nega as bondades do nacionalismo. A partir de aí Piñeiro convértese nunha figura polémica, porque entra no xogo político do lado no que non estaba. El, que foi dos que máis contribuíu á supervivencia do nacionalismo en momentos moi duros, despois convértese nun axente que facilita o labor político dos rivais do nacionalismo".

Mentres, Franco Grande exculpa a Piñeiro do fracaso das dúas forzas política que el promoveu dende os anos sesenta: "o PSG, en vez que ir co PSOE, foi só, porque consideraban que Felipe González estaba moi á súa dereita, e fracasaron, loxicamente. E o PPG, en vez de ir con quen tiñan que ir, que era UCD, foron con Gil Robles, e fracasaron tamén. Piñeiro botou as mans á cabeza cando viu as barbaridades que facían estes tipos".

O anticomunismo de Piñeiro
Pola mesa de braseiro de Xelmírez 15 pasaron dende os anos cincuenta centos de mozos, nos que Piñeiro intentou espertar a 'conciencia de Galiza' e aos que orientou a través de lecturas e relacións persoais. Porén, a partir dos anos sesenta, un número importante destas persoas interesáronse cada vez máis polos pensadores marxistas e a ideoloxía comunista, algo que afectou a Piñeiro.

Xosé Luís Méndez Ferrín atacou en moitas ocasións o ferreño anticomunismo de Ramón Piñeiro e as súas posicións atlantistas e proestadounidenses, que liga ao europeísmo defendido polo de Láncara. Para Ferrín, o anticomunismo de Piñeiro está xa na base do seu pensamento e nos seus escritos filosóficos máis coñecidos, como a Filosofía da Saudade: "esa individualidade saudosista que nos caracteriza aos galegos poderá realizarse en plenitude só a partir da Comunidade do Carbón e do Aceiro, do Tratado do Atlántico Norte, do capitalismo e da tutela norteamericana. A filosofía da saudade constituíase en instrumento de freo aos avances do pensamento marxista e do comunismo orgánico que ameazaban á xuventude galega intelectual. Á filosofía de Heidegger foille asignada a mesma misión na Europa Occidental na mesma época".

Porén, Miguel Barros defende que "Piñeiro tiña a claridade suficiente para ver a importancia social do marxismo, sobre todo nos anos sesenta e setenta. Tiña que haber partidos marxistas en Galiza, o importante é que fosen galeguistas. E Piñeiro sempre valorou a importancia dos partidos nacionalistas de esquerda para levar o galeguismo até as clases populares", asegura. E pola súa banda Xesús Alonso Montero zanxa o debate dicindo que "o que non entendo é por que agora todo o mundo lle chama anticomunista a Piñeiro? E logo hai moitos comunistas por aí?".

A Transición: Da segunda liquidación do PG ao PSOE
Dise ás veces que Piñeiro acabou integrándose no PSOE porque non tiña exército, debido á negativa do BNPG a participar na autonomía e á debilidade do resto de forzas nacionalistas. Camilo Nogueira rexeita a hipótese: "Pero por que tiña que ter exército? Iso é partir da base de que Piñeiro tiña a verdade. El dedicouse á cultura e fixo un gran traballo. Non tiña por que telo e ademais non quixo telo". Nogueira considera que a estratexia de galeguización dos partidos políticos sucursalistas fracasou rotundamente: "estratexia era xa errada, pois unha nación precisa de partidos propios; e demostrouse aínda máis errada porque o resultado foi un fracaso rotundo. E igual perdéronse oportunidades de construír outro sistema de partidos en Galicia. E sobre isto para nada a responsabilidade é exclusiva de Piñeiro. As culpas están moi estendidas e teñen raíces moi profundas".

Antón Baamonde exprésase en termos parecidos e deita unha parte importante da responsabilidade das limitacións sociais do nacionalismo nas propias forzas políticas: "Hai moita xente que toma a Piñeiro como chibo expiatorio para explicar todas as impotencias do nacionalismo galego contemporáneo. Que o PSG non fose ben non é culpa só de Piñeiro, é culpa de toda esa xeración; e que o BNPG non quixera protagonizar a autonomía, e iso foi un erro bastante grave naquel momento, pois iso non é responsabilidade de Ramón Piñeiro".

O mínimo común galeguista está en perigo?
Miguel Barros salienta o importante labor que Piñeiro desenvolveu na Transición, aínda que fose nun segundo plano. Para o presidente de A Nosa Terra o intelectual fixo dous movementos para intentar que Galiza contase cunha autonomía de primeiro nivel: primeiro, o chamamento dos 29 intelectuais en 1977 para lograr o compromiso de todos os partidos galegos de reivindicar un autogoberno como o de Cataluña e Euskadi; e despois con Realidade Galega para modificar o aldraxante Estatuto que quería impoñer a UCD: "quixo facer de ponte, de mediador, e por exemplo negouse a entrevistarse con Suárez en 1980 para non prexudicar esa posición".

Debemos recoñecerlle a Piñeiro o impulso da Lei de Normalización Lingüística de 1983, moi semellante ao texto equivalente catalán. Esa lei, da que derivan as políticas de introdución do galego no ensino aplicadas no noso país dende entón e o propio decreto vixente, xerou ao seu redor un consenso que atinxía a todos os partidos con representación parlamentaria, dende o nacionalismo, até o PSdeG-PSOE e o PP. É dicir, a estratexia de Piñeiro de galeguizar todos os partidos que actúan no noso país, de que asumisen a defensa da lingua e cultura galegas, pareceu ter éxito durante anos. Porén, a saída dos populares do consenso lingüístico nos últimos tempos, así como a crecente influencia exercida por Galicia Bilingüe, fan agromar a pregunta de até que punto o éxito de Piñeiro pode comezar a ser discutíbel.

Para Miguel Barros, "o convencemento galeguista do PP, que se ten que expresar nunha defensa do idioma, estivo ben representado por Fraga. Hoxe hai un revival, unha pretensión de volver á lingua do imperio. Dende a responsabilidade do goberno, o propio PP vai verificar que ese camiño de desandar o andado non lle vai dar o éxito político. Creo que o presidente Feijoo xa o intúe", asegura. Franco Grande é menos optimista e asegura que "neste momento fainos falta outro Piñeiro. Pode ser que perdamos o pouco que había. Sería tristísimo que o goberno ou o presidente, tomase como norma a unha pandilla de tolas, ou de ignorantes, como son os de Galicia Bilingüe".

Finalmente, Antón Baamonde busca ir máis aló, e pregúntase se alén da grave diminución de galegofalantes hai na sociedade galega elementos de fondo que levan a unha castelanización irreversíbel: "Non se debe fuxir dos problemas: hai que preguntarse até que punto hoxendía as clases medias asumen o discurso de Galicia Bilingüe", di, e conclúe: "Cómpre crear un marco argumentativo que faga que non gañen a batalla discursiva, porque iso si que o gañaron. En Cataluña e Euskadi nos últimos trinta anos incrementouse a cifra de falantes, en Galiza diminuíu. Hai que facer preguntas e non todo pode ser culpa de Piñeiro".


4/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: