Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XOSÉ LUIS FRANCO GRANDE

"Neste momento fainos falta outro Piñeiro"

O avogado de Tebra coñeceu ao homenaxeado con vinte anos e converteuse nun dos seus discípulos máis próximos.

Marcos S. Pérez - 10:50 14/05/2009

Mantiveron unha relación, primeiro directa e despois principalmente epistolar durante case corenta anos, "con altos e baixos", asegura Franco Grande, que malia a proximidade inicial con Piñeiro acabou tendo certas diverxencias co de Láncara. En Os Anos Escuros (da que Galaxia publicou unha primeira parte en 1985, completada en 2004) deixou o testemuño máis vivo do que foron os anos cincuenta e os primeiros sesenta en Santiago de Compostela, un retrata dunha xeración de mozos e mozas que espertaban ao galeguismo e que tiveron a Piñeiro como guía.

Algúns, como Beiras ou Ferrín, continuaron despois o seu camiño, ben lonxe da mesa braseiro do cuarto andar de Xelmírez 15; tamén o fixo Pérez-Barreiro, que lle dedicou en 1993 a Franco Grande un poema no que en referencia á necesidade de ir alén da experiencia da mesa camilla e do "frautista de Hamelin", para seguir adiante, escribiu: "Como é posible que non vaias a Tebra e vexas que aquela terra non se chama Hamelin?". En calquera caso, Franco Grande, dende o recoñecemento, e non dende a haxiografía, recoñécelle a Piñeiro os méritos históricos, reparte as culpas dos fracasos colectivos, e chama a repensar o país para recuperar os consensos simbólicos que o PP ameaza con rachar, regresando ao punto de partida no que Piñeiro comezou a operar.

Os galegos coñecen a Piñeiro? Coñecen a actividade que levou a cabo?
Relativamente. A sociedade galega é unha sociedade analfabeta. Piñeiro é un caso moi singular, porque a súa finalidade na vida non era escribir libros, senón que era galeguizar o país. Hai que situarse nos anos 50; Galicia era un ermo absoluto, non había nada. Que había aquí? Catro vellos de antes do 36 que non foran fusilados, e algún mesmo estaba represaliado, como Otero Pedrayo. Esa xente houbo que volver poñela en marcha. Por outro lado Piñeiro dixo: para que isto teña futuro hai que incorporar á xente moza á cousa galega. Despois, Piñeiro entendía que non ía haber país se non había institucións; a única institución representativa da cultura galega era a Academia, pero á xente que estaba alí importáballe un pito o galego. Piñeiro, en combinación con Del Riego e con Martínez Risco, desmontou todo iso e galeguizou a institución. E creou outras, como a Fundación Penzol. Iso é o que a el lle importaba: crear país. Piñeiro era un político a longo prazo, non era un político de facer un partido cuns señores, a ver ser despois temos uns votos. O del era galeguizar un país.

Como era a experiencia de subir eses 56 chanzos en Xelmírez, 15?
Era espertar á realidade de Galicia. Nos anos 50 a nós ninguén nos falara da literatura galega, todo o máis os cancioneiros medievais ou Rosalía. Aquí non había ningún problema, porque non había problemas, a censura cortaba todo. Era imposíbel ter información de Galicia, agás para aqueles que na súa familia tiveran acceso a algún libro. Para o resto, Piñeiro era unha chave fundamental para poñernos en contacto con toda a cultura galega e coa cultura universal, porque tiña un interese moi grande en que fósemos libres e independentes e que non quedásemos presos en dogmas. Naquel momento era tan difícil coñecer a cultura galega como a cultura que se estaba xestando en Europa. Aquí non entraba nada, aquí non entraba un libro de Sartre ou de Camus. Nos países normais a sociedade dáballe á xente as cousas feitas, pero aquí un tiña que conseguir toda esa bagaxe. No meu caso e no de moitos outros, Piñeiro foi fundamental.

Podemos dicir que Piñeiro é un 'liberado' de García Sabell?
Hai unha chea de figuras que son fundamentais, e unhas compleméntanse coas outras. En Galaxia son Piñeiro, Del Riego e Isla Couto, e tamén García Sabell, que apoiou moitas cousas, economicamente; a Piñeiro nomeouno director artístico de Galaxia, como unha forma de xustificar un pequeno soldo. E aportou unha cousa moi importante, que foi deixarlle a Piñeiro un piso da súa propiedade (a casa de Xelmírez, 15). Entre os dous houbo unha complementariedade intelectual, entendíanse e respectábanse moito. A min García Sabell dicíame unha vez que 'cando escribo algo, sempre llo dou a ler a Piñeiro, e até que pasa o seu filtro non publico, e ás veces dáme medo o que poida dicir'.

Como analizas a revisión que Piñeiro fai do galeguismo, desbotando o nacionalismo?
Iso Piñeiro tíñao moi claro. A doutrina era a mesma; que diferenza hai entre o que defendía Piñeiro e o que defendía Castelao? Ningunha. Pero Piñeiro dicía: 'o nacionalismo é unha cousa que se terminou na Segunda Guerra Mundial, hoxe non hai ningún estado que se baste a si mesmo, necesítase cooperación. Xa non ten sentido identificar estado con nación. Non ten sentido ser nacionalistas, só podemos ser federalistas e europeístas'. Isto pasa con todas as cousas, o nacionalismo pasou por distintas etapas: o de Renan, o de Otto Bauer..., o que pasa é que a xente, que ten moi escasa cultura, pensa que Piñeiro fixo aí unha liquidación do nacionalismo. Piñeiro o único que dixo foi 'estamos noutro mundo', pero as ideas con as mesmas: os dereitos do pobo galego. O gran problema era galeguizar o país, a política viría despois. Iso é algo que el nunca pensou en ter que facer, era a xente nova a que o tería que facer.

En que medida era Piñeiro anticomunista?
El era anticomunista por dous motivos. Por unha banda, pola percepción que lle quedou na súa época na cadea da ética do PC, que poñía o partido por diante das persoas. E en segundo lugar el pensaba que tiña unha responsabilidade moral sobre todos nós, que nos embarcaba nunha cousa que podía ser perigosa. E consideraba que iso eran tolerías, que non servían para nada. E nós eramos novos e soñabamos con disparates.

Miguel Barros di que Piñeiro apoiaba a creación dun partido comunista galego, sempre que fose galeguista...
Si, se fose galeguista, si. Pero a el o que non lle gustaba era a forma de proceder do PC na clandestinidade, Piñeiro quedou moi queimado deles.

Moitos dos rapaces nos que Piñeiro intentou influír, sobre todo da xeración seguinte á túa, marcharon cara ao marxismo...
A miña opinión é que marxistas non eran, eu o que creo é que eran analfabetos en marxismo; pensaban eles que eran marxistas, pero non coñecían a crítica da economía política feita por Marx. O que había eran cousas típicas da idade; estes tíos chamábanlles 'marxismo' ás coñas de Ben Bella, ás coñas de Fidel, ás coñas do Che..., iso non era marxismo.

Pero afectou a Piñeiro o afastamento desta xeración?
Non, a el parecíalle normal. A Piñeiro o único que lle importaba é que fosen galeguistas. Eu mesmo tiven discusións tremendas con Piñeiro, que se verán no libro que vai sacar Galaxia a finais deste ano; eu fíxenlle unha crítica enumerada de cousas que non me gustaban, e el nunca se cabreou comigo por iso. El entendía que a xente pensase doutra maneira, o que lle importaba era o outro. Por iso perdía días e días intentando galeguizar á xente do PP e do PSOE.

Contas en Os Anos Escuros como ao marchar de Santiago, na Coruña atopas un ambiente moi distinto cando intentas crear alí unha tertulia galeguista. Estaba moi verde todo, non?
A receptividade na Coruña naquela época era nula, ou eu non souben conectar. Despois si que O Facho fixo un labor moi importante. Estaba moi verde todo. Toda esa xente que acusa a Piñeiro de cousas, non se decata de como era o país daquela. Aínda nunha conversa que tivemos nos anos oitenta, Piñeiro dicíame que Galicia era moi fráxil e que había que andar con moito coidado, non pisar moito o acelerador.

En 1977, nas primeiras eleccións, a aposta de Piñeiro era o PSG, cando menos até que renuncia a se coaligar co PSOE?
Non, non. Piñeiro tivo o plan de crear un partido galego de esquerdas (o PSG) e outro de dereitas (o PPG), se só había un partido de valores galegos, como o PG, e fracasaba, fracasaría todo o galeguismo. É certo que PSG e PPG fracasaron, pero iso non foi culpa de Piñeiro: o PSG, en vez que ir co PSOE, foi só, porque consideraban que Felipe González estaba moi á súa dereita, e fracasaron, loxicamente. E o PPG, en vez de ir con quen tiñan que ir, que era UCD, foron con Gil Robles, e fracasaron tamén. Piñeiro botou as mans á cabeza cando viu as barbaridades que facían estes tipos. Por iso ao final de todo el ten que meterse no PSOE para salvar algo, polo menos para salvar a Lei de Normalización. A xente di: 'Piñeiro fracasou', os que fracasaron foron as persoas que se dedicaron á política e que non eran políticos nin farrapo de gaita.

Con Piñeiro mantiveches unha certa diverxencia sobre o funcionamento de Galaxia. Algunha xente da túa xeración e ti apostabades con facer edicións máis populares, chegar máis á sociedade...
Aí chocamos un pouco, pero o certo é que a xente de Galaxia abriuse e mesmo metéronnos no consello de administración. Intentouse facer algo, e igual a culpa tamén foi nosa. É difícil valorar a culpa, andan repartidas case sempre. Había unhas desconfianzas que non tiñan nin pés nin cabeza, pensaban que queriamos dar un golpe de estado, un golpe de coroneis, e nós non queriamos dar golpe ningún, queríamos mellorar a editorial e poñela ao día. Son cousas que pasan. A relación cos pais é sempre difícil.

En que medida a deriva do PP nos últimos tempos e a súa ruptura do consenso ao redor da lingua é un ataque ás teses de Piñeiro?
Neste momento fainos falta outro Piñeiro. Pode ser que perdamos o pouco que había, non o sei. Non teño información suficiente, tan só sospeitas. Sería tristísimo que o goberno ou o presidente, tomase como norma a unha pandilla de tolas, ou de ignorantes, como son os de Galicia Bilingüe. Se iso é un grupo de presión, unha xente que non ten detrás unha obra, unha xente que non ten nada, que só é un grupo sectario, entón estaríamos moi mal. Eu espero que todo vaia polo seu camiño. Quero confiar en que haxa sentido común.

No final de Os Anos Escuros falas de que a fenda que provocou a guerra e a ditadura deixou á túa xeración descolocada, desconectada da xeración de antes do 36...
Non fomos continuadores da súa obra, non atopamos un camiño apropiado. A proba é que buscaron despois outras persoas, que lles pareceron máis idóneas. Alá cada un coa súa cousa. Algo diso hai; a min prodúceme unha certa tristeza non poder continuar a pé de obra con esta xente. Non teño claro por que centellas nós, que sempre marchamos xuntos, que eramos discípulos deles, despois non fomos capaces de continuar ou por que eles non nos pasaron o testigo.

Empregando a forma de falar de Piñeiro, que convén facer en Galicia? Que é urxente ou necesario?
O máis urxente e necesario sería repensar todo, desde o punto de vista dos partidos, dos intelectuais. Repensar actuacións, por exemplo no ensino do idioma, orientar á xente con ideas para poder abrir camiños. Agora non hai razón para que a xente non coñeza Galicia, habíaa naquel tempo, pero hoxe non. Hai que repensar todo, dende puntos de vista distintos, dende todos os partidos. Iso daría un pouco de alimento espiritual a este pobres políticos que temos.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: