O PP argumenta que agardará á reforma do financiamento autonómico. O PSdeG critica as contradicións do discurso de campaña dos populares co do Executivo.
María Xosé Caride, voceira parlamentaria do PSdeG na área de Economía
A redución do tramo autonómico do IRPF dependerá da concreción da negociación do da reforma do financiamento, segundo explicou este mércores no Parlamento a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás. A conselleira atribuíulle a decisión a que as contas galegas están "moito peor do que se esperaba". A titular de Facenda asegurou que a redución do IRPF farase "de modo rigoroso" para que a súa "eficacia" estea garantida e contrapuxo este extremo "con outras medidas ensaiadas polo goberno español".
Fernández Currás rexeitou concretar prazos para pór en marcha esta reforma, e apuntou que afectará a 600 mil galegos coas rendas máis baixas --inferiores a 17.000 euros anuais--, aos que inxectará "liquidez para afrontar a crise". Do mesmo xeito, a titular de Facenda indicou que a supresión do imposto de sucesións e doazóns deberá esperar á análise da evolución dos ingresos e da propia economía co fin de que se poida acometer con "garantías de éxito".
Fronte a esa argumentación, a portavoz de Economía do PSdeG, María Xosé Caride, cuestionou a "credibilidade" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, recordándolle a promesa en campaña electoral que en 2009 aprobarían rebaixas fiscais e que terían efecto sobre o exercicio de 2008. Feijoo está instalado na mentira", concluíu Caride, quen reprobou o "cúmulo de contradicións" do Goberno que, ao seu xuízo, "parece que espera que a crise se resolva sen tomar medidas". Caride insistiu en que nas contas da Xunta "non hai buratos", e defendeu que os ingresos e gastos non financeiros estaban "equilibrados", remitíndose ao informe de execución orzamentaria presentado polo anterior goberno en abril. Segundo a deputada "Feijoo si que ten un furado, que é a súa credibilidade". Subliñou Caride que o informe de control orzamentario presentado daquela pola Consellaría de Economía e Facenda en abril de 2009 revela que nese momento había 351 millóns de euros, fronte aos 271,6 de xullo de 2005, "o que supón un 29% máis".