O líder do PSdeG esixiulle ao presidente galego que colabore coas medidas anunciadas polo goberno español para o sector da automoción.
"Non castigue os galegos a perder 2.000 euros para cambio de vehículo por facerlle a ola a Rajoy", advertíalle este mércores no Parlamento o secretario xeral do PSdeG e presidente do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Manuel Pachi Vázquez, ao presidente da Xunta. Na opinión de Vázquez sería unha "temeridade" e unha "insensatez", non colaborar coa idea proposta por Rodríguez Zapatero. Os socialistas suxiren que a Xunta achegue 10 millóns de euros para esta iniciativa.
Segundo a valoración do PSdeG, as medidas anunciadas polo goberno español durante o debate no Congreso implicarán até un mínimo de 1.200 millóns de euros para Galiza. Ademais, Manuel Vázquez opinou que o conxunto de ideas presentadas supoñen unha viraxe da economía especulativa cara a "unha aposta polo crecemento sostíbel". Vázquez contrapuxo o que definiu de "novo modelo de crecemento" á actividade dunha Xunta "que non propón ningún modelo de crecemento e goberna a salto de mata". O líder dos socialistas valorou especialmente as apostas "pola educación, o I+D e o respecto ao medio ambiente".
Por outro lado, cualificou de "insulto ao país" que a primeira iniciativa aprobada polo PP sexa unha iniciativa lexislativa popular de apoio ás mulleres embarazadas a prol dos colectivos "catolicistas máis ultraconservadores".