Rueda seguirá controlando para Feijoo a maquinaria do partido, pero será outro o que cara ao público sexa voz do PP nos asuntos de actualidade.
Os últimos días transcendera a intención do líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, de manter a Afonso Rueda como secretario xeral do partido. Feijoo apelou ao habitual noutras administracións da compatibilización da portavocía do partido cos cargos gobernamentais. Na memoria recente está o caso de Ricardo Varela, durante case toda a lexislatura secretario de Organización do PSdeG, e desde o verán pasado vicesecretario xeral, e á vez conselleiro de Traballo.
Á porta do congreso do PPdeG, Feijoo fai pública agora a fórmula coa que semella ir resolver ese solapamento no discurso público do seu partido. Así, este mesmo venres, os populares comunicaron oficialmente que Afonso Rueda seguirá sendo secretario xeral do partido. "Foi a man dereita de Feijoo no goberno interno do partido durante estes tres anos e medio, e dirixiu a campaña que devolveu ao PPdeG ao poder, avais suficientes para que o aspirante a presidente decida volver a contar con el", sosteñen.
Con todo, logo de que Rueda asumise a pilotaxe da Consellaría de Presidencia, os populares fan pública súa solución para manter o liderado do pontevedrés na vida interna do PPdeG. Así, á súa beira nomearanse cinco vicesecretarios e un deles asumirá unha figura de nova creación: "Portavoz do partido". Unha figura chamada a ser "a cara e a voz do PPdeG de cara a posicionar o partido nos diferentes asuntos de actualidade", explican desde o PPdeG.
Barreiro segue na vicepresidencia
Por outro lado, destaca a aparición na lista encabezada por Alberto Núñez Feijoo do actual vicepresidente do PPdeG, Xosé Manuel Barreiro, quen no seu momento accedera ao cargo a xeito relativamente simbólico logo de ser rival de Feijoo no combate polo relevo de Manuel Fraga. Barreiro, desprazado pouco despois do seu papel de portavoz parlamentario e designado despois para as listas do Senado, é confirmado agora na viceprsidencia do PpdeG, en atención, aseguran os populares, ao seu traballo na oposición na Deputación de Lugo e á súa implicación na batalla electoral na provincia de Lugo durante as últimas eleccións onde, salientan, Barreiro "foi partícipe da vitoria electoral das autonómicas obtendo na provincia de Xosé Blanco e Ricardo Varela un magnífico resultado".
A nova estrutura do PPdeG, por baixo das cinco vicesecretarías antes mencionadas, completarana dez coordinadores temáticos, "responsábeis de áreas como organización, economía e emprego, comunicación, benestar e política social, ou medio rural". Tamén dentro do organigrama do comité executivo do PP en Galiza, aparecerán os portavoces ou presidentes das deputacións provinciais, os das sete grandes cidades, o portavoz parlamentario, os presidentes provinciais, o presidente e o secretario xeral de Novas Xeracións, tres vocais residentes no exterior que representen aos galegos da emigración, e outros 28 vocais.