A compravenda dos áreas nas que se estabelecerá Marina Praza fixo que a familia política do ex alcalde da Coruña ingresase 18 millóns. Unha operación polémica que implica ao Concello e a Xunta.
A polémica rodea as operacións entre unha sociedade da familia política do ex alcalde da Coruña e embaixador español no Vaticano, Francisco Vázquez, e os empresarios Manuel Jove, José Collazo e José Souto, para a venda do predio onde se instalará o famoso Centro Comercial Marineda Praza, que estarían relacionadas con decisión políticas tomadas no Concello da Coruña e na Xunta. No total das operacións de compravenda de terreos, a familia de Vázquez tería gañado uns 18 millóns de euros, e logrado un beneficio do 374% segundo destapa o xornal La Opinión.
Collazo, Jove e Souto páganlle o dobre á familia de Vázquez que a Fenosa
A sociedade Invest Cos, participada polos empresarios Manuel Jove -ex dono de Fadesa-; José Collazo -presidente do emporio do xogo Comar-; e José Souto -presidente de Tecam-, comezou a mercar os solares d'A Grela onde han construír o centro Comercial Marineda Praza -que ocupará un total de 96.802 metros cadrados-, en 2004.
Os primeiros terreos que mercaron foron os pertencentes a unha parte -o 85,89%- da subestación eléctrica da empresa Unión Fenosa -81.385,82 metros cadrados-, situada na zona. Esta área foi comprada por Invest Cos o 29 de decembro de 2004, a 463,53 euros o metro cadrado.
Dous anos despois, o 21 de decembro de 2006, Invest Cos mercáballe á familia política de Vázquez (por un lado, catro fincas de Herederos de Ignacio de la Iglesia SA, empresa na que participa, cun 25%, María del Carmen de la Iglesia Illanes, muller de Francisco Vázquez; e co 75% restante dous irmáns seus e a Comunidade de Herdeiros de Antonio de la Iglesia Illanes; e unha outra a José de la Iglesia Illanes SL) uns terreos a carón da finca de Fenosa, por un total de 18 millóns de euros. Destes, 3,6 millóns de euros correspóndenlle á sociedade na que participaba a dona de Vázquez, e foron pagados por 4.020,80 metros cadrado. É dicir, que Invest Cos pagou 895,34 euros por metro cadrado a esta sociedade, o dobre do que lle pagou a Unión Fenosa.
Un 374% máis de beneficio para a familia política de Vázquez
A compravenda dos predios pertencentes á familia política de Vázquez por parte de Invest Cos pechouse once meses despois de que o político socialista, sendo naquela altura alcalde da cidade, anunciase a implantación dun macro-centro comercial de Ikea n'A Grela, e un mes antes de que deixase o seu posto e marchase para ocupar o de embaixador español no Vaticano.
Segundo informa este xornal coruñés, a venda destes terreos reportoulle á empresa na que participaba a dona de Vázquez, un beneficio de impostos do 374%, segundo recolle un informe de xestión da compañía, exposto no seu balance contábel de 2007. Cómpre salientar que, 14 días antes de escriturar a venda do predio, a sociedade Herdeiros de Antonio de la Iglesia Illanes, trasladou o seu domicilio social da finca d'A Grela ao polígono de Sabón, en Arteixo.
A problemática da terceira rolda
Os ambiciosos planes de Jove, Collazo e Souto -que irían alén do Ikea, a contemplarían a intención de abrir un segundo centro comercial da firma El Corte Inglés-, toparon de fronte cun problema: O PXOM coruñés, en vigor dende 1998, que tiña previsto trazar a terceira rolda da cidade por riba da parcela que tiña Unión Fenosa n'A Grela, onde está proxectado o Marineda Praza.
Tamén segundo La Opinión, este problema xa fora solucionado, sendo alcalde Vázquez, en 2001, cando o concello lle demandou á Xunta o desvío do trazado da terceira rolda para evitar o seu paso pola parcela de Marineda Praza. Así figura no plan sectorial de estradas da Coruña, aprobado polo Goberno en 2004.
Máis tarde o PXOM volvería revisarse, xusto despois de que Collazo, Jove e Souto mercasen os terreos da familia de Vázquez. Naquela altura, o goberno municipal d'A Coruña revisou de novo esta terceira rolda, e o 5 de febreiro de 2007 foi aprobada unha modificación puntual do PXOM. Un mes máis tarde, a Consellaría de Política Territorial informou que non lle podía outorgar o visto e prace ao novo planeamento, xa que a desviación do trazado da circunvalación non contemplaba a existencia do complexo comercial. Daquela, o concello variou a alternativa proposta nun primeiro momento, coa construción dunha glorieta a tres niveis, cun acceso específico para o centro comercial, e Política Territorial aceptou a mudanza, se o concello a financiaba. Finalmente, o concello, apelando á Lei de Ordenación Urbanística e do Medio Rural de Galiza, conseguiu que Invest Cost financiase, con 6,2 millóns de euros, o cambio no trazado. Este feito foi interpretado polo goberno de Xabier Losada coma un éxito, mentres José Souto, cabeza visíbel de Invest Cost, anunciouno coma un prexuízo para a súa sociedade.
Os últimos dixomedíxomes
Esta semana, o grupo municipal do PPdeG pediulle ao goberno local d'A Coruña "transparencia" nesta modificación do PXOM, e o executivo coruñés contestoulle que este cambio foi "imposto" pola Xunta, tras aprobar o plan sectorial da rede viaria cando o actual presidente galego, Alberte Núñez Feijoo, era conselleiro de Política Territorial.
O Goberno de Feijoo tamén lle respondeu ao Concello da Coruña, esta cuarta feira, que "a iniciativa de modificar a terceira rolda" n'A Grela, para evitar o seu paso pola parcela de Fenosa, "partiu do goberno local" e foi "solicitada expresamente e por escrito polo concello nas alegacións ao plan sectorial".