A ex conselleira de Pesca, Carmen Gallego critica que a Xunta "relega a nada" a política ambiental, ao non crear unha Consellaría de Medio Ambiente como tal.
A secretaria de Medio Ambiente e Medio Mariño do PSdeG, Carmen Gallego, criticou hoxe que a Xunta deixa a política ambiental "relegada a nada" tras "eliminar a consellaría" do ramo, a pesar de que Galiza foi "un referente internacional" neste ámbito, segundo dixo.
Tras a constitución do grupo de traballo de Medio Ambiente do PSdeG, que servirá "de apoio" ao traballo que os socialistas leven a cabo no Parlamento nesta materia, a ex titular de Pesca sintetizou a primeira reunión na constatación de que "non existe Consellaría de Medio Ambiente, a pesar de que o seu nome aparece en primeiro lugar nun departamento do Goberno". Gallego xustificou esta conclusión en que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten as súas "competencias orientadas" cara ás obras públicas, ao tempo que considerou "gravísima" a fusión destes departamentos. "É gravísimo porque Agustín Hernández vai asumir os informes das obras e a súa avaliación ambiental, é dicir, o seu impacto ambiental e paisaxístico", lamentou.
"A Xunta do PPdeG non ten en conta a política ambiental"
"É como poñer o raposo a coidar das galiñas", razoou Carmen Gallego, e insistiu en que a Xunta liderada polo PPdeG "non ten en conta a política ambiental". A maiores, censurou que dá "un paso atrás" respecto do anterior Executivo, gobernado por socialistas e nacionalistas en coalición, que contaba con departamentos diferenciados para a protección da natureza e a xestión das infraestruturas, ao igual que no ámbito europeo e "na maioría das comunidades autónomas".
Ademais, Gallego considerou que a decisión de trasladar a Dirección Xeral de Conservación dá Natureza -que xestiona, entre outros, os parques e espazos naturais- á Consellaría de Medio Rural revela que "pesa máis" a promoción das infraestruturas no ámbito rural que a protección ambiental.