Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Na Capitanía Marítima de Burela

"Acosados, discriminados e excluídos" por falaren galego

A petición de tres traballadores aos superiores para escribiren en galego abriu unha situación de "acoso laboral", denuncia a Mesa.

Redacción - 20:00 06/05/2009

"Todo isto comezou por non nos deixaren escribir nada en galego en Burela, onde máis do 90 % da poboación fai a súa vida neste idioma, onde unha porcentaxe altísima dos administrados se dirixe á Administración da Capitanía Marítima en galego, e onde o 0 % dos expedientes se tramita na nosa lingua", explicou este mércores Brais Fernández, un dos traballadores afectados. Xunto con Carmen Ferreiro Seoane e Manuela Arias Estévez, as outras dúas traballadoras afectadas, a Mesa pola Normalización Lingüística convocou os medios de comunicación na vila luguesa para denunciar esta situación.

Segundo explicaron, aos traballadores da Capitanía prohibíuselles "explicitamente" realizaren documentos en galego e mesmo chegou a retirarse das oficinas o único impreso que existía na nosa lingua. "Tamén nos puxeron mil problemas para podermos presentar unha solicitude de días de vacacións ou de asuntos médicos, ou do que for polo único feito de estar en galego", critican. Fronte á negativa do capitán marítimo, as traballadoras e o traballador afectados decidiron comunicar directamente con instancias superiores. Deste xeito, enviaron escritos á Oficina das Linguas Oficiais (dependente do Ministerio de Administracións Públicas) e á subdelegación do goberno español en Lugo, denunciando o uso de toponimia deturpada ou o incumprimento da norma xurídica que fala da imaxe institucional da administración periférica do Estado, segundo a cal os impresos de solicitude que están a disposición do público deben estar nas linguas cooficiais de Galiza e as cabeceiras dos documentos que se impriman deben estar tamén nas dúas linguas, entre outros aspectos.

O conflito iniciouse hai case seis meses e desembocou nun escenario de "acoso laboral" que lles causou o que o médico diagnosticou como trastornos de ansiedade, sendo motivo de varias baixas laborais. Berros, faltas de respecto, exceso de carga de traballo, cambios de posto sen instrucións de traballo nin ordes de aprendizaxe para as novas funcións, obriga de pautas de actuación diferentes ás dos compañeiros... "Restrínxeseme o acceso á información, dificúltanseme as comunicacións con armadores e estaleiros, limítase a miña capacidade de traballar, e en definitiva, entorpéceseme o traballo", láiase por exemplo Brais Fernández.

Exemplo de situacións "intolerábeis"
"Casos coma os que hoxe denunciamos, totalmente intolerábeis, demostran máis unha vez que se segue a discriminar á xente polo simple feito de usar o galego, nun sector, o da Administración do Estado, que é un dos que máis incumpren a lexislación en materia lingüística, algo do que xa teñen alertado en numerosas ocasións organismos internacionais como o propio Consello de Europa", afirmou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, durante o acto público realizado este mércores en Burela.

Á beira dos traballadores afectados, estiveron tamén o secretario comarcal da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, María Xosé Novoa, delegada sindical de Comisións Obreiras, e varios veciños da comarca. "É por iso que o vindeiro 17 de maio chamamos a toda a sociedade a unirse á manifestación en defensa da nosa lingua, que baixo o lema O galego, a nosa columna vertebral. O idioma que nos une! se vai celebrar en Santiago de Compostela", recordou Callón. "Non podemos permitir que continúen a propagar mentiras en contra da nosa lingua mentres que cada día moitas persoas seguen a pagar un inxusto prezo por querer vivir no idioma propio de Galiza", engadiu.


4,83/5 (46 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: