Unha campaña propón facer un seguimento dos compromisos que fan os candidatos sobre transparencia, responsabilidade e xustiza social.
A campaña Exixe Concreción ao teu Candidato (Pin down your candidate) botou a andar a pasada semana por diferentes capitais da Unión Europea, artellada por catro redes europeas, e apoiada polas organizacións ATTAC e Ecoloxistas en Acción.
O obxectivo é exixirlle aos candidatos ás eleccións ao Parlamento Europeo do vindeiro 7 de xuño, que se comprometan a priorizar os intereses públicos sobre os privados.O xeito de facelo é entrar na súa web (www.electioncampaign.eu) e preguntarlles aos candidatos ao Europarlamento que pensa votar sobre o seu posicionamento en canto a á necesidade de que haxa transparencia nos lobbys, á responsabilidade social e ambiental nas empresas, sobre as políticas comerciais inxustas e sobre a regulación do mercado financeiro. A campaña tamén anima os candidatos a asinar unha serie de compromisos que falan do desenvolvemento dun sistema para acabar co acceso privilexiado das empresas transnacionais na creación de políticas para a UE; da creación dun marco legal que abra a posibilidade de axuizar as empresas por abusos cometidos; facer un cambio radical na axenda comercial, de priorizar a xustiza económica, social e ambiental; e formular lexislación que regulen os mercados financeiros, o baleiro fiscal e a loita contra a corrupción.
A web desta campaña tamén lle permitirá aos cidadáns dos estados membros da UE "vixiar" e facer un seguimento dos compromisos e propostas que fan os candidatos sobre transparencia, responsabilidade e xustiza social.