Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MODA E EMPRESA

Galiza e Portugal, coligados no sector téxtil

Mentres o clúster galego queda aparcado, as empresas da moda poñen en marcha outro clúster galego-portugués, cunha axuda europea de 440 mil euros.

Isabel G. Couso - 08:00 07/05/2009

Sexa polos tempos de crise, sexa pola necesidade de seren competitivos de cara ao exterior, o téxtil galego aposta por traballar de xeito coordinado co portugués. A cooperación é un dos alicerces no que se sostén o recentemente creado clúster galego-portugués da moda, un modelo de colaboración transfronteiriza que se constitúe como o primeiro exemplo deste tipo de todo o Estado Español. O proxecto está liderado pola Associação Téxtil e Vestuario de Portugal (ATP) e pola Confederación de Industrias Téxtiles de Galiza (COINTEGA) e, segundo nos explica o xerente desta última organización, Alberto Rocha, o que fixo é poñer de manifesto unha realidade que xa existía: "as empresas galegas e as portuguesas xa seguían dende hai tempo camiños paralelos e complementarios", explica. Neste proxecto participan un milleiro de empresas que empregan a máis de 20 mil traballadores.

Achegas diferentes
O obxectivo é o de compartir as estruturas industriais coas que xa conta individualmente cada mercado e complementar as diferentes vertentes nas que o téxtil galego e portugués están especializados. "Os portugueses son máis competitivos na innovación de tecidos ou na capacidade de produción, moito maior que a nosa; mentres, o sector galego ten maior especialización no seu coñecemento e xestión da imaxe de marca, no deseño e nas canles de distribución", subliña Rocha. De aí, que a posta en marcha deste clúster do téxtil permita fortalecer o sector na eurorrexión. Así o entende tamén a Unión Europea, que xa achegou 440 mil euros para a iniciativa.

"Non é máis que institucionalizar unhas prácticas que, individualmente, xa existían", insiste Rocha. Efectivamente, o tráfico intraindustrial no sector da moda entre Galiza e o Norte de Portugal é inxente: Portugal é o primeiro destino das exportacións téxtiles galegas, que en 2008 acadaron un valor de 327 millóns de euros, por diante de Francia e Italia.

Esta colaboración mutua tradúcese a partir de varias vías. A primeira é a dos produtos: o noutrora máis eficiente mercado de produción chinés deixou agora paso a Portugal como país de referencia. As restricións do sector financeiro á concesión de créditos fixo que moitas empresas galegas trasladasen ao país veciño parte da súa produción que, até o momento, subcontrataba en países asiáticos. Os talleres de confección lusos víronse así beneficiados da situación de crise porque neste sector o capital circulante era fundamentalmente financiado, un modelo que agora está en claro retroceso.

Materias primas e innovación
Outra vía é a das materias primas: dende Portugal até Galiza distribúense de xeito cotián moitos tecidos froito da súa propia investigación. Tal é así que a innovación e a súa posta en común é outro dos alicerces no que se basea este novo clúster. "Promover contactos entre os axentes empresariais, impulsar o valor engadido e transmitir os coñecementos entre as dúas industrias" é un dos obxectivos que se marca a iniciativa segundo Rocha.

Neste último apartado, tanto os galegos como os portugueses teñen moito que dicir. En Galiza porque contamos con centros de formación de referencia, como a titulación de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza (ESDEMGA) da Universidade de Vigo, "da que están a saír estupendos profesionais". En Portugal, porque contan cunha importante infraestrutura formativa: "hai que reparar en que a tan só unha hora de viaxe, podemos estar no Centro Tecnolóxico das Industrias Téxtil e do Vestiario de Portugal, en Vilanova de Famalicao, que é dos máis importantes do mundo. Alí temos acceso a máis dun cento de enxeñeiros que están a investigar con todo tipo de produtos, en modernización de servizos e até en proxectos de nanotecnoloxía vencellados ao téxtil".

Presente e futuro
De momento e nestes pasos iniciais, o propósito dos axentes empresariais galegos e portugueses é o de asentarse: "que se coñeza o que xa existe; antes tiñamos que facer grandes esforzos individuais para localizar as fábricas, as entidades intermedias... agora estamos a crear unha base de datos que nos permita aforrar en esforzos", explica Rocha.

Para unha segunda fase, o obxectivo é promover participacións societarias: "se antes un empresario portugués quería entrar no mercado galego facíao, se contaba con recursos, de xeito competitivo. Agora queremos que sexa máis viábel que o faga tomando participacións dunha compañía xa existente aquí, e viceversa. A idea é crear unha plataforma de marcas que nos permita resolver conxuntamente os problemas".

E o clúster galego, para cando?
Este exemplo de clúster transfronteirizo que frutifica grazas ao empeño dos empresarios da moda deixa nun segundo plano a posta en marcha do galego, un proxecto que fora anunciado pola Consellaría de Innovación e Industria a comezos de 2007, mais que non chegou a converterse nunha realidade. "A creación desta entidade de colaboración con Portugal era moito máis necesaria", explican dende COINTEGA, "por mor da interrelación que xa existía".

No caso galego, aínda está por decidir cales sería o seu formato, os seus obxectivos e a súa xestión. Nisto incide precisamente Rocha, quen adianta que o vindeiro 21 de maio o sector téxtil celebrará unha mesa de traballo con representantes doutros sectores empresariais para debater sobre o que funcionou e o que non nos seus clústers. "Cremos que nalgún caso só serviu para crear un novo interlocutor, a xeito de mediador, mais que non se fixo nada que non houbera xa", asegura Rocha, "a idea de organizármonos nunha entidade deste tipo non ten sentido se non é para crear infraestruturas comúns, para compartir unha xestión e para profundar nunha modernización competitiva".

Neste sentido, o secretario xeral dos empresarios da industria téxtil asegura que se debe potenciar o modelo da vantaxe competitiva: "trátase de que cada empresa invista en innovación para que, as que se atopan no seu entorno, copien esa novidade e a adapten ao seu propio proxecto. Deste xeito, todas as compañías quererán innovar para estar á vangarda e todas se aproveitarán das innovacións das súas compañeiras que, ao tempo, son competidoras. Así, xérase un dinamismo e acelérase o proceso de modernización, o que, no nivel do conxunto das empresas, é moi positivo". Deste xeito e segundo explica o empresario, de non facelo co obxectivo de volvérense competitivas, un clúster do sector, non tería sentido.


Ligazóns

4,33/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O sector portugués é lider na innovación e investigación de novos tecidos
O sector portugués é lider na innovación e investigación de novos tecidos
A dificultade para acceder aos créditos  fixo que moitas empresas galegas trasladasen de China a Portugal parte da súa produción
A dificultade para acceder aos créditos fixo que moitas empresas galegas trasladasen de China a Portugal parte da súa produción
posta en marcha deste clúster do téxtil permita fortalecer o sector na eurorrexión
posta en marcha deste clúster do téxtil permita fortalecer o sector na eurorrexión