Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Día do Traballador

Prioridades sindicais: diálogo, investimento produtivo e medidas estruturais

Milleiros de persoas botáronse á rúa este venres a prol de iniciativas para a viraxe do actual escenario laboral.

Redacción - 18:00 01/05/2009

"Fronte á crise: emprego, investimento público e protección social". Ese era o lema que unía este venres nas rúas de diversas cidades e vilas do país as voces de simpatizantes e militantes dos sindicatos UXT e CCOO. No acto central en Vigo concentráronse até 10 mil persoas, segundo cifras dos convocantes (7 mil, en cifras da policía local).

Os dous sindicatos coinciden en denunciar que están sendo os traballadores os que pagan as consecuencias dun escenario económico "que eles non xeraron", senón que vén como resultado do "estrepitoso fracaso da autorregulación dos mercados e da actividade dalgúns especuladores que fixeron fortunas no mercado inmobiliario e na economía especulativa". Por este motivo, a primeira demanda, a nivel global, é en favor dun control dos mercados do capital "e a reforma e democratización do sistema financeiro mundial".

"É a hora das políticas públicas con maiúscula, estas deben dar a talla na actual situación: hai que investir en infraestruturas, vivenda protexida e rehabilitación", apuntan de xeito concreto desde a UXT. Opinan desde este sindicato que é necesario afondar na protección dos traballadores a través das rendas de inserción laboral e mudando o patrón de crecemento, "apostando pola formación, cualificación e innovación". Ás administracións solicítanlles maiores orzamentos para o salario de inserción laboral, "tendo en conta que en Galiza case o 40% dos desempregados xa carecen de prestación".

Por outro lado, o secretario xeral de CCOO-Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, lamentou a falta de unidade sindical entre as forzas sindicais maioritarias. Doutra banda, referiuse á "realidade crúa e dramática" da actual crise, recordando que hai 38 mil familias en Galiza afectadas polo desemprego e sen ningunha prestación social. Polo seu lado, o secretario xeral da UXT-Galicia, Xosé Antonio Gómez, defendeu que o seu sindicato convocou folgas xerais con diferentes partidos no poder, "sempre que houbo recortes de dereitos e de protección". Non obstante, precisou que, "neste momento non se dá o escenario para unha folga xeral, porque non se produciu ese recorte", e insistiu en que os desafíos son diferentes neste momento.

"Polo Emprego, os Dereitos e as Prestacións Sociais"
Atrás dese lema saíron á rúa milleiros de traballadores que secundaron a convocatoria da CIG en diversas comarcas do país, sumando até 20 mil manifestantes, 12 mil deles no acto central en Vigo, segundo as cifras achegadas pola propia formación sindical (7 mil segundo os números da policía local).

Laiouse durante a súa intervención o secretario xeral da Confederación Intersindical Galega, Suso Seixo, contrapoñendo dúas vías de saída da crise: profundar no modelo neoliberal ou levar adiante reformas estruturais que abrisen camiño a un novo modelo económico e social, de que "a estas alturas xa temos constatado que o capital ten apostado pola primeira vía". "Non se tomaron decisións que fagan pensar nun cambio de modelo económico e produtivo", criticou, "a propia patronal lanza mensaxes pedindo abaratar o despedimento, novas formas de contratos temporais, conxelar os salarios ou reducir os impostos ás grandes fortunas: edidas todas que profundizan no modelo neoliberal, para nós fracasado".

"Dende a CIG continuamos mantendo a necesidade dun cambio de modelo que pasaría por adoptar medidas na liña da nacionalización da banca e o sector enerxético, un sistema fiscal progresivo, a supresión dos paraísos fiscais, o apoio decidido aos sectores básicos da economía galega, máis investimento público e social, etc", destacou no seu discurso. "Os cambios non van vir dados polas forzas políticas e económicas ás que lle foi moi ben co modelo neoliberal, os cambios teñen que ser conquistados", subliñou. De paso, avanzou que a CIG iniciará contactos coas demais formacións sindicais á busca de ideas comúns cara á proposta de alternativas e medidas de presión. "Non descartamos convocar unha folga xeral se a situación o precisa", afirmou Seixo.

Poden ampliar información nas webs das formacións sindicais: UXT, CCOO, CIG, CUT e CGT.





1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: