Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VIVENDA

Os promotores insístenlle a Feijoo a prol da reforma da Lei do Litoral e as Normas do Hábitat

O sector inmobiliario asegura que hai iniciativas do anterior goberno que se poden aproveitar e adaptar e piden medidas urxentes para reactivar o mercado da vivenda.

Redacción - 18:00 28/04/2009

A modificación da normativa que afecta ao sector da construción é unha das prioridades que lle formula ao novo goberno da Xunta a Asociación de Promotores Inmobiliarios da provincia de Pontevedra (Aproin). Así o asegura o seu presidente, Xabier Garrido, quen pediu a modificación de "certas leis autonómicas que afectan ao mercado inmobiliario, como as Normas do Hábitat ou a prohibición de edificar a menos de 500 metros do litoral".

Sobre a Lei do Litoral, Garrido asegurou que se ben hai unha "necesidade de ordenar o territorio da costa", a normativa vixente "non regula nada, senón que se limita a paralizar licenzas". Así avogou porque o límite non se marque nos 500 metros, senón que o marque o sentido común: "unhas veces deberá ser superior outras inferior", dixo. No referente ás Normas do Hábitat, o voceiro dos promotores subliño que "é bo lexislar sobre a calidade das vivendas", mais lamentou que "os criterios que se impuxeron non teñen sentido e son inaplicábeis".

Con todo, Aproin recoñece que "hai certas iniciativas do anterior goberno que se poden aproveitar e adaptar". Neste sentido referiuse ao rexistro único de demandantes de vivenda, que definiu como unha medida positiva pero mal xestionada: "este rexistro debe ser tratado con rigor e ter en conta criterios como o arraigo ou os ingresos e non decidir as adxudicacións só por sorteo". Finalmente, este colectivo solicitou do novo presidente da Xunta medidas urxentes "que reactiven a demanda de vivenda con axudas directas aos compradores, xa que existe unha demanda que non está sendo satisfeita".


Ligazóns

3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: