Falamos coa voceira desta organización, que xa xuntou máis de 400 sinaturas de equipos de normalización en contra da derrogación do decreto do galego.
Cando se cumpre un mes da posta en marcha da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, falamos coa súa portavoz, Valentina Formoso, quen nos adianta cal está a ser proceso de formación deste colectivo, así como as súas metas a corto e longo prazo.
Con que obxectivos nace a Coordinadora?
Principalmente é un xeito de organizarnos, polo que a curto prazo o que queremos é coordinar os equipos de normalización dos diferentes centros e traballar en común a prol do galego. Non é máis que aproveitar os esforzos e non desperdiciar enerxías, cousa que si pasaba até o de agora. Xa a longo prazo, queremos acadar a máxima representatividade posíbel e gañar en eficacia para levar adiante as nosas iniciativas e servir de voz pública para todo o colectivo dos equipos de normalización lingüística do país.
Na actualidade, xa existen outros colectivos que defenden o galego. En que vos diferenciades?
Cando decidimos dar este paso, moitos medios nos confundiron coa Mesa, coa CIG... Nós non somos nada de iso, queremos que quede moi claro. O noso obxectivo é a normalización da lingua, pero somos un colectivo de xente de moi diferente ideoloxía, que non nacemos nin como organización enfrontada a un partido, nin somos escisión de ningunha outra entidade. O único que queremos é defender a lingua dende o gremio no que nos atopamos e ao que representamos.
A día de hoxe, con canta representatividade contades?
Por agora levamos moi pouco tempo, pero foron moitos os que amosaron o seu interese en sumárense. Na asemblea do pasado 28 de marzo, cando nos conformamos oficialmente, había representación de máis de 60 centros, se ben máis de 100 se interesaron na iniciativa malia que non puideron acudir. De momento, aínda estamos artellando toda a organización, estruturándonos por comarcas. A iniciativa foi moi ben acollida e aprovéitase do traballo feito xa por outros colectivos que levan traballando no ámbito comarcal moitos anos.
Que papel tivo o resultado das últimas eleccións na decisión que tomastes de organizarvos?
Evidentemente tivo un papel moi importante, se ben reitero que non nos conformamos como alternativa ao Partido Popular. Levamos xa moito tempo traballando, pero si serviu de revulsivo para decidirnos a unir esforzos e a continuar co traballo coordinado que viñamos facendo nos últimos anos e que promovía a propia Política Lingüística. O resultado electoral deixou todo no aire, de momento non se concreta nada, pero fálase de derrogar o decreto do galego e non sabemos que é o que se vai poñer no seu lugar.
Precisamente a vosa primeira iniciativa foi a recollida de sinaturas en contra da derrogación do decreto do galego. Cal foi o recepción que atopastes?
A acollida foi moi boa. Até o de agora xa recollemos máis de 400 sinaturas dos diferentes equipos de normalización dos centros. Mesmo outros profesores e outros colectivos nos pedían participar na campaña e nos dicían que querían sumarse pero, de momento, só nos limitamos ao colectivo que representamos. Nós sentimos a necesidade de que era necesario dicir algo ante todas as mentiras e o discurso demagóxico que sobre a lingua se mantivo durante a campaña electoral e que non está apoiado na realidade. O que sabemos a día de hoxe é que a pretensión é derrogar o decreto. O problema é que non sabemos cal será a alternativa, queremos logo que se promulgue outro e non quedarnos no limbo. Para nós o actual era mellorábel, mais hai que recordar que desenvolve un plan de normalización que foi aprobado por unanimidade por todos os partidos do Parlamento, cando gobernaba o propio Partido Popular.
E como vedes a promesa electoral de que sexan os pais quen decidan a lingua na que se eduquen seus fillos?
Non ten lóxica ningunha. A política lingüística non a poden decidir os pais, ó igual que non deciden o currículo do alumnado, en que curso deben os alumnos estudar a célula ou cando deben achegarse ao coñecemento das ecuacións. Segundo a Lei de Normalización, os estudantes deben rematar cunha competencia igual nas dúas linguas oficiais, polo que debe garantirse un 50% dos contidos en cada unha delas. Non nos parece nin viábel nin correcto que agora decidan os pais porque entón, como se regula a nova situación? Ademais, os pais xa contan actualmente cun poder de decisión que queda reflectido no Consello Escolar. O proxecto lingüístico de cada centro debátese neste órgano e é aí onde es pais teñen a súa opción de opinar; non é nada que se impoña.
Que expectativas tedes cara ao futuro?
De momento non podemos dicir nada, mentres non se concreten todos estes cambios. Foi un discurso que lle deu votos ao partido que agora está no goberno pero que non obedece á realidade. O que queremos deixar claro é que o plurilingüismo non é un problema, senón unha vantaxe. Estase creando un discurso no que se converte esta riqueza nun problema. Claro que queremos ser bilingües, pero é que neste país só o somos os galegofalantes. Agardaremos a que se definan estas novas políticas e logo actuaremos.