Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ía cubrir unha vacante de CiU

O BNG pediralle a Nogueira que renuncie á acta de eurodeputado

Ao tempo, ERC, BNG, Aralar, Os Verdes-Confederación Ecoloxista, EA e CHA selaron a súa coalición para as europeas. Ana Miranda será a segunda representante.

Redacción / Europa Press - 09:00 23/04/2009
Camilo Nogueira

Camilo Nogueira

A Executiva do BNG acordou esta cuarta feira pedirlle a Camilo Nogueira que renuncie a ocupar, durante os vindeiros dous meses, a acta de eurodeputado que deixou vacante Ignasi Guardans (CiU), tras dimitir para incorporarse ao Ministerio de Cultura como responsábel de Política cinematográfica e audiovisual.

A Executiva nacionalista defende, así, que se incorpore un novo deputado de Convergència i Unió ao Parlamento Europeo, no canto de Nogueira, que ocupou o posto número tres da coalición Galeuscat, coa que o Bloque concorreu ás pasadas eleccións europeas. A argumentación que manexa a dirección en funcións, segundo as fontes consultadas, baséase en que existe unha cláusula no pacto da alianza que, supostamente, obriga a dimitir os deputados seguintes ao que deixa o seu posto vacante, para que este o ocupe outro da mesma cor política.

Non todo o BNG está de acordo
A determinación de pedir que Nogueira non opte ao escano vacante non conta co beneplácito de todos os membros da dirección, xa que algúns sectores críticos a atribúen a un intento de impedir que se "visualice" a súa figura, que forma parte dos sectores que difiren máis co mando da organización. O ex eurodeputado forma parte das chamadas Listas Abertas -que impulsou o Encontro Irmandiño con Xosé Manuel Beiras á cabeza-, que están conformadas por militantes críticos coa Executiva nacionalista.

Camilo Nogueira foi entre os anos 1999 e 2004, eurodeputado do BNG, período na que a organización frontista se presentou en solitario ás eleccións. Ao concluír ese mandato, os nacionalistas concorreron ás europeas na alianza Galeuscat, que finalmente conseguiu dous deputados, de forma que o Bloque quedou fóra da Eurocámara, xa que concorría no terceiro posto da candidatura conxunta.

Ana Miranda irá de segunda nas listas da coalición Europa dos Pobos-Os Verdes
A decisión de afastar a Nogueira da Eurocámara coincidiu co peche, en Madrid, da alianza de Esquerra Republicana (ERC), Bloque Nacionalista Galego (BNG), Aralar, Os Verdes-Confederación Ecoloxista, Eusko Alkartasuna (EA) e a Chunta Aragonesista (CHA) para as eleccións europeas do vindeiro 7 de xuño, á que tamén poderían adherirse os partidos nacionalistas baleares PSM e Entesa per Mallorca.

A coalición levará por nome Europa dos Pobos-Os Verdes, e a súa candidatura estará encabezada polo historiador independente Oriol Junqueras, proposto por ERC, e o segundo posto será para a representante do BNG, Ana Miranda.

O terceiro posto será para Aralar, o cuarto para os ecoloxistas, o quinto para EA, o sexto para a CHA e os dous seguintes resérvanse para o PSM e Entesa de Mallorca, se finalmente se suman ao proxecto.

A viguesa Ana Miranda é avogada, e na actualidade, representante do Bloque en Bruxelas e tamén vicepresidenta do Partido dos Pobos de Europa-Alianza Libre Europea. Entre os anos 1999 e 2004 foi a responsábel técnica e asistente parlamentar de Camilo Nogueira na Eurocámara.


4/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: