Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
MULTINACIONAIS TIC

Oracle mercará Sun por 5.700 millóns de euros

A multinacional do software empresarial farase cunha das principais compañías de software e hardware de servidores.

Redacción - 17:10 20/04/2009

A compañía especializada en software empresarial Oracle anunciou este luns que mercará a multinacional informática Sun Microsystems por 5.700 millóns de euros. Oracle prevé pagar 7,32 euros por acción, un 42% por riba do prezo da cotización de Sun ao peche do mercado bursátil o venres.

A oferta chega un mes despois de que IBM desistise en mercar Sun, empresa coñecida por ter no seu haber tecnoloxías como a linguaxe Java, a base de datos MySQL, os sistemas operativos Solaris e OpenSolaris ou ser o impulsor de OpenOffice. Segundo a nota de Oracle, a adquisición "transformará a industria informática e combinará o mellor software empresarial con sistemas de computación para usos críticos".

O acordo, xa pechado entre as dúas partes, só está pendente da aprobación dos accionistas de Sun e das autoridades reguladoras. O presidente de Sun lembrou que as dúas empresas levan máis de dúas décadas sendo "pioneiros da industria e socios próximos" e que "esta combinación é unha evolución natural da nosa relación".

Os trámites de aprobación da compra poderían estar completados este verán. Segundo os analistas, o acordo fortalecerá a posición de Oracle sobre o seu rival IBM, e espérase que faga aumentar os seus beneficios económicos. Do que aínda non se falou é do probábel recorte de persoal. Sun ten 33 mil traballadores, mentres que Oracle conta cun plantel de 86 mil persoas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: