O corredor de Redondela colocouse primeiro despois da etapa inaugural e mantívose firme nos seguintes días, respondendo con autoridade ás ofensivas dos seus rivais.
Aser Estévez acadando a vitoria na última tirada
O ciclista do Extremadura Spiuk Enrique Salgueiro gañou a oitava edición da Volta ciclista a Galiza, despois de rematar en terceiro lugar a quinta e última etapa. Salgueiro liderou con autoridade a carreira dende o primeiro día e estivo acompañado no podio por Carlos Oyarzun (Supermercados Froiz), a 20 segundos; e Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo) a un minuto e oito segundos.
Salgueiro gañou tamén as clasificacións da regularidade e a de mellor galego, mentres que o Supermercados Froiz encabezou a listaxe por equipos. Nas outras categorías Gustavo Rodríguez gañou o premio da montaña e Mikel Landa foi o mellor sub23. A das metas volantes foi a clasificación onde houbo maior movemento, e gañouna Antonio Cervera que xa a liderara durante as dúas primeiras xornadas.
Aser Estévez levou a última etapa
A última etapa foi para o ciclista do Spol Caixanova Aser Estévez, que se impuxo ao sprint a Jorge Martín Montenegro (Andalucía Cajasur) e ao propio Salgueiro. Durante a xornada houbo algunha pequena escapada mais todas foron neutralizadas. Nas primeiras posicións estivo sempre o líder da carreira, que mesmo tratou de arrincar en solitario coa idea de fechar unha semana triunfal coa vitoria na última etapa.
As arremetidas de Salgueiro non frutificaron e Aser Estévez foi o máis rápido no apertado final co que rematou a oitava edición da Volta. A tirada unía O Porriño con Vilagarcía, mediante un percorrido de 110 quilómetros que os primeiros en chegar completaron en dúas horas e 37 minutos, cun promedio de case 42 quilómetros por hora.