O presidente do PP vasco aposta por apoiarse nos socialistas para recuperar o dominio do ente onde actualmente gobernan os jeltzales co apoio dos de Patxi López.
Antonio Basagoiti
O presidente do PP vasco, Antonio Basagoiti, afirmou este venres que é preciso un cambio na deputación de Araba, onde actualmente goberna o PNV co apoio do PSE-EE. Basagoiti dixo que en Araba "debe haber un cambio" porque, segundo el, "a Deputación está absolutamente desaparecida do mapa político e non está en ningunha iniciativa que sirva para que o territorio funcione".
Basagoiti fixo estas declaración nunha entrevista concedida a TVE, adiantando tamén que confía en pechar un acordo "no que se poida cambiar a Deputación Alavesa". Dixo contar con entenderse sobre este tema co secretario xeral dos socialistas vascos e candidato a lehendakari, Patxi López.
Liberdade condicionada para Patxi López
Sobre o futuro goberno de Euskadi, que estará liderado por Patxi López co apoio do PP, Basagoiti respecta que os socialistas "teñen todo o dereito do mundo a conformar o seu Goberno, a establecer o seu estilo á fronte do executivo". Aínda así, puntualiza que o Partido Popular esixirá "que se cumpra o acordo" firmado polos dous partidos.
Basagoiti dixo que a mudanza de política en Euskadi "era o que importaba", e por iso apoiaron a pretensión de López de converterse en lehendakari. Sobre este aspecto dixo que "puxémonos de acordo niso e eu quedo conforme con que as políticas cambien, logo el que poña os conselleiros e directores xeras que lle pete. Eu non os vou medir nin polo seu nome nin pola súa militancia, senón polo grado de cumprimento do acordo que firmamos".