Raúl Bouza logrou o ouro mentres que Fernando Rascado, Rebeca Mariño e José Fernández acadaron cadanseu bronce no aberto de México.
A selección galega de taekwondo non deixa de acadar bos resultados, e neste caso foi a semana pasada durante a súa participación no aberto de México. Esta é unha competición que organiza o adestrador da selección mexicana Ireno Fargas, campión do mundo nos anos 80.
Malia que este torneo non conta co recoñecemento oficial das federacións de taekwondo, o certo é que nel participan algúns dos máis destacados loitadores do panorama mundial. Isto é así porque o torneo ten un carácter altruista, xa que é unha competición organizada para beneficio dunha asociación que colabora con persoas que sofren parálise cerebral.
Alí o mellor resultado acadouno o taekwondista do Olimpic de Vilagarcía Raúl Bouzas, que trouxo unha medalla de ouro. As outras tres medallas foron de bronce, e apañáronas Fernando Rascado, José Fernández e Rebeca Mariño. Estes resultados únense ao bo inicio de tempada que está vivindo o taekwondo galego, cos triunfos de Andrea Rica no aberto de Francia e o da selección no campionato estatal.
A vindeira cita internacional da selección galega será durante a última fin de semana de abril en Alicante, onde participarán no aberto de España.