Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Barcón pídelle a Feijoo que "actúe"

"É o colmo da inmoralidade", xulga Caride sobre a intervención de Hernández nunha querela do PPdeG

A conselleira saínte repróchalle que asinase, traballando para a Deputación, un informe técnico para unha querela presentada polo PP contra Política Territorial.

Redacción - 17:55 13/04/2009
Agustín Hernández, á esquerda da imaxe

Agustín Hernández, á esquerda da imaxe

"O que asinou contratos millonarios con empresas no último ano que estivo a traballar na Consellaría de Política Territorial, nas mesas de contratación, en menos dun ano está a traballar para unha desas empresas", recordou a conselleira de Política Territorial en funcións, María Xosé Caride, censurando unha actitude que na súa opinión "eticamente deixa moito que desexar".

"Primeiro asinou contratos millonarios para unha empresa cando traballaba na Consellaría de Política Territorial, despois foise traballar para ela e presentou un informe falto de rigor", xulgou Caride, á luz das novidades sobre a actuación de Hernández. O deputado pontevedrés do PPdeG, tal e como publica este luns o diario El País, asinou un informe técnico para unha querela presentada polo PP contra esta consellaría pola adxudicación das obras na autovía do Barbanza. No momento de asinar ese documento, Hernández era director de infraestruturas da Deputación de Pontevedra.

"O PP premiouno na Deputación de Pontevedra, non sei se segue coa estratexia política de premios varios", opinou Caride ao respecto, considerando "un mal exemplo" o proceder de Agustín Hernández, un dos nomes que soa para sucedela no cargo no próximo goberno liderado por Alberto Núñez Feijoo. Segundo Caride, exemplos como o protagonizado por Hernández "fan que os cidadáns dubiden da honorabilidade dos políticos".

Mar Barcón esixe que Hernández "asuma responsabilidades"
"Veremos se a defensa da transparencia e da ética por parte de Núñez Feijoo respondía aos seus principios políticos ou era só palabreiría", desafiou este luns a secretaria de Organización da Comisión Xestora do PsdeG-PSOE, Mar Barcón. Na opinión da deputada socialista, o inicio de lexislatura quedaría escurecido por "unha actuación cuestionábel desde todos os puntos de vista da ética e das boas prácticas políticas" se o líder do PP non obriga a Agustín Hernández a asumir "responsabilidades".

"Non Sabemos se se axustou estritamente á legalidade, pero o certo é que non se axustou ao exercicio moral e ético que debe darse dende a práctica política", afirmou ao respecto Mar Barcón. En referencia ás novas sobre a actuación do agora deputado do PPdeG, quen anunciou a contratación dun avogado "independente" para probar a súa inocencia, ironizou Barcón que "se el mesmo lle encarga ao avogado a un informe non será un informe independente en ningún caso, senón que será un informe de parte tanto dende o punto de vista xurídico como político".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: